"Ardeu nun minuto, o tempo que me deu en baixar do tractor"

Amador Alonso rozaba unha leira en Pol cando as chamas devoraron o seu vehículo
Estado en el que quedó el tractor. EP
photo_camera Estado no que quedou o tractor.

O lume calcinou case por completo un tractor cunha rozadora onte en Pol cando o seu dono realizaba tarefas para un veciño nunha leira da parroquia de San Martiño de Ferreiros.

"Foi un bo susto. Non houbo perigo persoal, pero ardeu todo nun minuto, o tempo que me deu en baixar do tractor", explicaba ás poucas horas o condutor do vehículo, Amador Alonso, da firma Escavacións Amador de Mosteiro, tamén en Pol.

O suceso ocorreu sobre as 12.30 horas. O condutor estaba a rozar no vehículo cando se deu conta das primeiras chamas e, a pesar dos seus intentos por tratar de parar o lume, a maquinaria quedou practicamente calcinada.

"Estaba alí tamén o dono da leira e intentamos apagalo co extintor, pero non fomos capaces", relata, mentres explica que é a primeira vez que lle pasa algo así. "A primeira e espero que a última", afirma, e asegura que todo apunta a que se produciu un curtocircuíto.

Ata o lugar do suceso se deplazaron os bombeiros do parque comarcal de Vilalba e unha carroceta de Pol. "Cando chegaron xa non había nada que facer –hai 40 minutos de viaxe desde a capital chairega–, pero os bombeiros botáronlle espuma para apagalo ben", indica o propietario do tractor, que está á espera de que se pase o perito do seguro para poder chamar a un guindastre e logo retirar o vehículo.

ALARMA. Os bombeiros tamén recibiron outro aviso onte por un incendio nunha barbería en Vilalba, pero finalmente non tiveron que desprazarse. Os servizos municipais e a Policía Local accederon ao interior do establecemento, ao non dar contactado coa propietaria, tras a alarma. No interior ardera unha vela.