A ARDF prevé volver dar sepultura en Santa Mariña aos 8 exhumados

Os traballos concluíron esta semana e agora será o ADN o que confirme as identidades
El presidente de la ADRF, Santiago Carcas, y un vecino, José Martínez, depositan un ramo en la fosa. BNG GUITIRIZ
photo_camera O presidente da ADRF, Santiago Carcas, e un veciño, José Martínez, depositan un ramo na fosa. BNG GUITIRIZ

A Asociación para a Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo (ARDF Desaparecidos) concluíu esta semana a exhumación dos oito represaliados sepultados nunha fosa común nun lateral da igrexa de Santa Mariña, en cuxo cemiterio se prevé darlles un enterro digno cando sexa posible, tal e como acordou a ARDF cos familiares de varias vítimas da zona da Coruña e Ferrol, cuxos corpos se cre que son os que foron fusilados en outubro de 1936 no límite entre Lugo e A Coruña, nun lugar coñecido como A Braña do Marco, e soterrados nesta parroquia guitiricense.

A data para este posible funeral colectivo está por determinar, do mesmo xeito que o texto da placa que se colocará na súa memoria —xa contan co permiso de Patrimonio— no mesmo lugar onde os oito fusilados repousaron máis de oito décadas. Alí xa son recordados por un ramo de flores depositado pola ARDF Desaparecidos ao concluír a exhumación.

Levamos anos loitando por poñer cara aos homes paseados que trouxeron para o adro

Un equipo de preto dunha ducia de persoas, con integrantes da entidade e voluntarios chegados de distintos puntos de España, iniciaban o luns 8 uns traballos demorados desde 2011, cando xa estaba todo preparado. "Había que facelo xa", aseguran, tanto pola avanzada idade de quen buscan a familiares desaparecidos como pola deterioración dos restos, situados nunha zona húmida. "Levamos anos loitando por poñer cara aos homes paseados que trouxeron para o adro", confirma o párroco Afonso Branco, un dos principais impulsores desta actuación, á espera de que agora se poida "dar a coñecer a súa identidade" e que reciban "unha sepultura digna".

A exhumación, que permitiu certificar que eran oito as vítimas, non deixou indiferente a ninguén, nin aos veciños, que seguiron de cerca os progresos para descubrir ao fin que había de certo nos rumores estendidos durante anos, nin aos membros da ARDF, agradecidos pola boa acollida e a axuda prestada por parte dos veciños, traballadores municipais e o Concello. Os restos exhumados están agora en custodia, á espera de ser remitidos á Universidade Complutense de Madrid para realizar as probas de ADN. A falta de confirmación, cren saber quen son cinco deles.

BANCO DE ADN

Desde a asociación inciden na necesidade de que o Goberno impulse a creación dun banco nacional de ADN, para facilitar as identificacións cando haxa familiares que busquen a algún desaparecido. Ademais, fan fincapé en que, aínda que o seu traballo sexa altruísta e voluntario, as administracións deben involucrarse neste tipo de campañas para axudar a cubrir custos como as análises ou as exhumaciones e facilitar o acceso á documentación pública.

Concluído o traballo de campo en Guitiriz, na semana que entra un equipo da ARDF traballará na fosa común de Fervenzas, en Aranga, de 1946 e na que esperan achar a tres guerrilleiros.

Reclamación: caixas mortuorias para seis vítimas e botellas con datos
A exhumación confirmou rumores populares, como o relato dunha veciña que recordaba cadaleitos. E o seu recordo, aínda que estraño nunha fosa común, resultou ser real, pois se localizaron restos de varias caixas mortuarias. A ARDF asegura que os corpos do un ao seis estaban depositados en caixas mortuarias. Non así os outros dous, aínda que se destaca que foron enterrados con coidado, coas mans cruzadas sobre o peito.

Nomes?
A mesma veciña contaba que había xente no enterro, que poderían ser familiares dos mortos, crenza que se reforza coa aparición de varias botellas con papeis que aínda non se puideron analizar —nin se sabe se será posible, dado o seu mal estado— pero que poderían conter datos dos represaliados.

De costas ao altar
A pesar de enterralos xunto á igrexa, as circunstancias da súa morte determinaron a orientación ao depositalos, en perpendicular ao templo, de costas ao altar.  

Comentarios