jueves. 09.04.2020 |
El tiempo
jueves. 09.04.2020
El tiempo

Aquela cociña de Cunqueiro

Marina López, ante a cociña de ferro de Casa Varela, co seu libro de cabeceira e o premio. EP
Marina López, ante a cociña de ferro de Casa Varela, co seu libro de cabeceira e o premio. EP

A begontesa Marina López Cruz, de Casa Varela de Damil, foi distinguida nos Premios de Gastronomía de Galicia da Feira do Cocido de Lalín cun galardón que recoñece o seu labor durante máis de catro décadas na cociña do restaurante begontés

Hai máis de 40 anos, a begontesa Marina López Cruz quería mellorar as súas habilidades culinarias para poñerse á fronte dos fogóns de Casa Varela de Damil. Para facelo, mercou o libro Cocina Gallega, de Álvaro Cunqueiro e Araceli Iglesias. Catro décadas despois, xa xubilada e con esa obra gardada coma un tesouro, acudía á Feira do Cocido de Lalín para recoller o recoñecemento a Toda unha Vida nos Fogóns, que se concede no marco dos Premios de Gastronomía de Galicia, xunto ao Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico que si, leva o nome de Álvaro Cunqueiro.

"Chamou o alcalde de Lalín ao meu fillo Dani e cando mo dixo ao principio non o cría", lembra Marina sobre cando lle comunicaron que lle concedían unha distinción de todo inesperada. Pero máis ca merecida, aínda que ela non estea moi convencida. "Eu non teño ningún mérito, só traballei sempre, moito, ata que me xubilei", di, agradecida por un premio ao lle concede un "valor sentimental, porque lle queda aos netos", e que lle debe "a todos os clientes, que foron os que me axudaron".

Emocionada, bota a vista atrás e fai repaso das circunstancias que a levaron a recoller este premio de mans de Francisco Gómez, vicepresidente de Amigos da Cociña Galega. Porque Marina nunca pensara en ser cociñeira. O seu eran as agullas e o fío, ata que apostou pola pervivencia dun negocio familiar de sempre.

"Gustábame moito coser, era modista e tiña moito traballo, moitos encargos, de xente dos arredores, de Vilalba ou de Lugo", conta, rememorando que facía de todo para as mulleres, mesmo roupa para vodas ou un sen fin de traxes rexionais. E facíao na propia Casa Varela, onde tiña un taller... e axudantes. Mais cando tocaba, aparcaba a costura para atender o mostrador ou para axudarlle á madriña do seu home na cociña. Ata que Maruja faltou e Marina recolleu o testemuño.

"Tiña moitas ganas de aprender, todas as do mundo, así que comprei o libro de cociña de Álvaro Cunqueiro", explica Marina

"O meu home veu para aquí cun ano e medio, hai máis de 70 anos, e daquela os seus padriños xa tiñan unha taberna", lembra Marina, que casaba co seu veciño Jesús Ferreiro hai 46 anos. "A madriña cociñaba moi ben e paraba moita xente a comer detrás da cociña de leña, tratantes de gando, madeiristas...", lembra Marina, que pasou de pinche a chef: "Empecei a cociñar axudándolle e quedei no sitio, ao facer comedor e ter cada vez máis xente houbo que elixir, e ademais o meu home tiña taxi, e tiña que saír".

"Tiña moitas ganas de aprender, todas as do mundo, así que comprei o libro de cociña de Álvaro Cunqueiro, que aínda o teño, coas follas marelas, e ás noites, cando me deitaba, collíao e mirábao, estudaba", di. E foi unha alumna aplicada, porque o negocio non deixou de medrar e de atraer xente, ata o punto de facer unha segunda cociña para seguir a preparar os pratos de sempre.

Callos, caldo, cocido, guisos, paellas, pescada, peixe sapo... saían da cociña de Marina e seguen a saír da da súa nora, Rocío Fernández. "Aprendeu de seguido e fai unhas empanadas riquísimas", asegura da súa sucesora tralos fogóns deste histórico negocio familiar de Damil.

"Os fillos, Daniel e Ana, ían á universidade pero sempre me axudaban ou na cociña ou detrás da barra", lembra. E aí seguen, en Casa Varela e saboreando os pratos de súa nai, aínda que iso só sexa os sábados, cando o restaurante pecha e toda a familia se xunta para comer. "Cociño eu", confirma unha aprendiz de Cunqueiro convertida en mestra dos fogóns.

Aquela cociña de Cunqueiro
Comentarios