A Anpa critica que se denegue a admisión no Ceip de Baamonde

Piden, "por terceira vez", que o conselleiro se reúna con eles e con representantes da asociación de veciños
Manifestación de veciños, familiares e alumnos do Ceip de Baamonde. DP
photo_camera Manifestación de veciños, familiares e alumnos do Ceip de Baamonde. EP

A Anpa do Ceip de Baamonde remitiu un escrito a Inspección Educativa de Lugo e ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, denunciando que as familias con nenos de tres a cinco anos, que cursarían educación infantil, non poideron presentar a solicitude de admisión neste colexio.

A Anpa di que descoñece a razón pola que se lles denegou esta posibilidade e lembra que no centro se imparte educación infantil e primaria, polo que entende que "se está a vulnerar de forma evidente o dereito das nais e pais a solicitar a admisión neste centro".

Dende a entidade reclaman que "de xeito urxente e con prazo suficiente", se solvente esta situación e se poida solicitar praza "para calquera dos cursos que forman parte da oferta educativa legalmente establecida no centro". Tamén piden, "por terceira vez", que o conselleiro se reúna cos representantes da Anpa e da asociación de veciños.

DOCENTES. A Xunta de Persoal docente de Lugo acordou promover un peche dos representantes de todas as organizacións sindicais en defensa do ensino público no rural e en protesta polo peche do Ceip de Baamonde e polo conflito co transporte no CPI Uxío Novoneyra do Courel.

A proposta feita polo STEG na reunión de onte recibiu o apoio de todas as forzas con representación -CIG, Anpe, CC OO, Fete-UXT e C-SIF-, e levarase a cabo o mércores 10, ás 11.00 horas, na Xefatura Territorial de Lugo, respectando os protocolos sanitarios polo covid-19.