Caravana ao Parlamento o día 9 para manter aberto o Ceip de Baamonde

A asociación veciñal habilitará un autobús gratuíto se se chega a un mínimo de prazas
Manifestación de veciños, familiares e alumnos do Ceip de Baamonde. DP
photo_camera Manifestación de veciños, familiares e alumnos do Ceip de Baamonde o pasado decembro. EP

A Anpa do Ceip de Baamonde continúa coa súa loita por evitar o peche do colexio para o que convoca o vindeiro martes, día 9, unha caravana que trasladará as súas reivindicacións ata o Parlamento galego.

A idea é que todos aqueles que se somen á iniciativa saian desde o colexio sobre as 16.30 horas para acudir a Santiago, onde o grupo parlamentario dos socialistas, a través do deputado Luís Manuel Álvarez Martínez, presentará no Parlamento unha proposición non de lei.

Nela esixirá "o mantemento polo Goberno galego do funcionamento do Ceip de Baamonde, no Concello de Begonte, desbotando calquera posibilidade de desafectar o centro dado que o número actual de alumnos sitúase seis veces por enriba do criterio establecido para pechar un centro educativo en Galicia".

Dentro do itinerario que realizará esta caravana reivindicativa está prevista unha parada, ao redor das 17.00 horas, fronte á casa consistorial de Guitiriz, onde se concentrarán as familias da comunidade educativa de Baamonde da poboación de Pígara que polas restricións sanitarias non poden saír do municipio.

As 18.15 é a hora aproximada na que os manifestantes se concentrarán fronte ao Parlamento de Galicia. Ademais dos vehículos que se somen a esta marcha, a asociación de veciños de Baamonde vai habilitar un autobús gratuíto se se chega a un número de prazas. Os interesados poden anotarse no Madia Leva ou no supermercado Onda, antes do luns, ás 18.00 horas.

APOIO INSTITUCIONAL. A Anpa recibiu unha nova lombeirada por parte da Deputación provincial. O seu presidente, José Tomé, esixiu á Xunta de Galicia que "escoite as súas demandas e manteña aberto o centro". 

Ademais avanzou que o grupo socialista presentará no próximo pleno unha moción para reclamar "á Consellería de Educación que garanta o mantemento do colexio, que desbloquee a matrícula para o próximo curso e que aclare os plans do rexedor de Begonte". "É insólito que un alcalde do rural queira pechar unha escola pública", subliñou Tomé.

Na mesma liña pronunciouse a portavoz, Pilar García Porto, quen criticou que se estea "fomentando un enfrontamento entre núcleos de poboación con actitudes autoritarias do alcalde impropias da nosa democracia". 

Comentarios