viernes. 05.06.2020 |
El tiempo
viernes. 05.06.2020
El tiempo

Andrea Méndez, a gaiteira que anima o confinamento en Outeiro (Castro)

Cada noite, acompañada ao tamboril pola súa irmá Sandra, de 9 años, interpreta un tema para os seus veciños e a través do Facebook

Empezou sumándose a unha convocatoria que viu nas redes sociais. Había que tocar ‘A rianxeira’ e, por petición popular, xa non parou. Cada día, puntual ás 22.00 horas, Andrea Méndez coa súa gaita —excepcionalmente, coa trompeta—, sae á porta da súa casa —se o tempo non o permite, toca dentro— da parroquia de Outeiro, en Castro de Rei, e toca unha peza, a que o público escolle. E aínda que comezou soa esta experiencia, axiña se lle uniron súa irmá Sandra, de nove anos, e o seu tamboril.

Temas tan solemnes coma o himno galego ou tan populares e coñecidas coma A Carolina foron as primeiras interpretacións, pero tamén houbo un oco para a orixinalidade, cunha composición da propia Andrea, a Xota de Xuac. Despois foron as muiñeiras de San Amaro, Chantada, A Camposa ou Riba de Miño, a coñecida Bella Ciao —esta coa trompeta—, a xota de Abadín ou Quen teña viño...

"A música sempre anima un pouco á xente", apunta Andrea, convencida de continuar con esta iniciativa musical, coa que ademais contribúe a difundir os ritmos tradicionais, mentres haxa unha persoa disposta a escoitar. Polo momento, parece que son ben delas: os veciños da volta aos que lle chega directamente o son dos instrumentos e os espectadores que se están a conectar ás emisións en directo a través do seu Facebook, Andre Méndez.

Andrea Méndez, que é alumna de Pepe Vaamonde, comezou hai cinco anos a tocar a gaita

E é que os recitais desta moza gaiteira están a ter unha gran acollida, con numerosas reaccións e comentarios, que ela agradece, ao tempo que anima aos seguidores da súa proposta musical a facer as súas peticións. Andrea comprométese a seguir diariamente e a tentar dar resposta aos desexos da audiencia, contribuíndo co que mellor se lle dá a facer máis levadeiros estes días de confinamento.

E neste particular servizo de pezas baixo demanda, ideas para darlle continuidade á iniciativa non faltan, con diversas peticións que se van sumando á lista de Andrea. Quen non poida aguantar a intriga ata a hora do concerto, ás 18.00 horas pode ter un adianto da peza escollida, de quen a propuxo e mesmo de se leva algunha dedicatoria incluída. Para quen prefira a sorpresa, abonda con conectarse ás 22.00 horas para gozar do bo facer de Andrea e de Sandra.

Andrea Méndez, que é alumna de Pepe Vaamonde, comezou hai cinco anos a tocar a gaita e non é o único instrumento que domina, xa que tamén aprendeu a tocar a percusión tradicional de forma autodidacta. Porén, houbo un instrumento que aínda lle chamou antes a atención, a trompeta, que estuda dende hai seis anos. Está matriculada no conservatorio das Pontes, onde tamén se está a formar en piano.

Todo o aprendido pono en práctica como integrante da Banda de Música Municipal de Meira e tamén como docente, xa que imparte clases de pandeireta, tambor e gaita en Feira do Monte, ás que acode a súa irmá Sandra. Esta proposta lectiva xa está a dar os seus primeiros froitos, pois o pasado mes de setembro nacía Asubíos da Chaira, un grupo de música tradicional que suma unha trintena de integrantes dos oito aos 60 anos. Aínda que están comezando, xa ofreceron algún concerto para os maiores dos centros de día.

Andrea Méndez, a gaiteira que anima o confinamento en Outeiro (Castro)
comentarios