Unha psiquiatra viu "síntomas psicóticos" en Ana Sandamil: "Puido pensar que non era ela"

Un garda civil, na cuarta xornada do xuízo pola morte de Desirée Leal: "A única dúbida que teño é se a matou na cama ou no chan"
Ana Sandamil llega a la Audiencia de Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Ana Sandamil llega a la Audiencia de Lugo. XESÚS PONTE

No historial médico da nai de Desiré Leal, a nena asasinada en Muimenta en maio de 2019, non aparecía ningunha referencia a supostos episodios delirantes, de persecución ou de confusión de persoas previos ao crime, a pesar de que ela mesma contou despois a distintos facultativos que levaba meses sufrindo un "cadro psicótico" que, segundo a psiquiatra que a tratou durante todo o seu ingreso no Hospital de Lugo, puido ser a orixe dos feitos. 

Na cuarta sesión do xuízo que acolle a Audiencia Provincial de Lugo para tratar de esclarecer este crime compareceron distintos médicos que prestaron asistencia á nai da vítima e única acusada tanto antes como logo dos feitos. 

Entre eses testemuños está o da psiquiatra que a atendeu durante todo o período que durou o seu ingreso no Hula tras o crime e que afirmou que nunca tivo a sensación de que a muller lle mentise. 

De feito, asegurou que presentaba, tanto no momento dos feitos como meses atrás, un "cadro psicótico" caracterizado, entre outras cousas, por crer que algunhas persoas da súa contorna foran suplantadas e que, na súa opinión, puido desencadear os feitos. "Se esa noite agrediu á nena está en relación con que puido pensar que non era ela ou algo en relación a ese cadro psicótico", engadiu. 

No entanto, os médicos que con anterioridade trataron á acusada –algún deles dous meses antes do crime– afirmaron que só acudiu á súa consulta pedindo axuda porque padecía de insomnio e que, en ningún momento, nin ela nin a súa nai, que a acompañou en varias ocasións, falaron deste tipo de pensamentos afastados da realidade. 


"UN POUCO APARVADA". O primeiro doutor que atendeu a Ana Sandamil contou este xoves que os tóxicos en ouriños "non miden" a Trazodona, o antidepresivo que supostamente inxeriu para matarse. ela contou a este médico, como relatou el ante o tribunal popular, que o consumiu (dez pastillas) e que había vomitado.

Este sanitario dixo de Ana Sandamil que chegou "estable" e que ao ser unha intoxicación medicamentosa, por protocolo, quedou en observación para comprobar que non houbese alteracións e necesariamente debía pasar por Psiquiatría, pero foi todo "moi rápido" porque chegou ben.

Esta muller de 45 anos sabía que falecera a súa filla, el non llo dixo, e aínda que por momentos mostrábase "un pouco aparvada" e soltaba "frases soltas que non fiaba do todo", si sabía "o que estaba a dicir".

"A ÚNICA DÚBID É SE A MATOU NA CAMA OU NO CHAN". Un garda civil da Unidade Orgánica da Policía Xudicial de Lugo deixou na cuarta sesión do xuízo unha das frases máis contundentes ao contar este xoves que a morte foi "violenta" e a súa única dúbida é se a nai matou á nena na cama ou no chan.

"A única dúbida que teño é se a matou na cama ou no chan", dixo o autor da inspección ocular ante o tribunal popular, e declarou que había máis sangue no chan que na cama que ese 3 de maio compartiron a presunta filicida, Ana Sandamil, e a pequena, como adoitaban facer habitualmente.

Fixo especial fincapé, ademais, nos pixamas, pois no da vítima había bastante sangue, sobre todo na parte de arriba, mentres que no da procesada, envolvido como "unha pelota" e atreveuse a afirmar que "escondido maliciosamente" debaixo do leito, puidéronse apreciar restos de saliva de Desi.

Así, expuxo que puido haber unha pelexa na cama e que despois no chan, supostamente, acabase coa súa vida; ou ben puido ocorrer todo directamente no chan.

"FOI MOI DURO VER AS IMAXES". O pai de Desirée, José Manuel Leal, dixo este xoves ás portas da Audiencia Provincial de Lugo, que o mércores foi un día "moi duro", porque se exhibiron as fotografías do cadáver da pequena.

"Foi moi duro ver as imaxes da miña nena. O estado no que estaba", comentou á prensa o pai, “e despois dicía a avoa que estaba dormidita e coa boca cerradita" na súa cama. "Ver esas fotografías", engadiu, "para un pai, para un ser humano, teña ou non nenos", é "para vir abaixo", porque déixanche "sen palabras".

José Manuel Leal asegurou ter "moi claro” que os avós da nena están a mentir para encubrir á nai e única investigada polo asasinato. "Non son xuíz. Non se está xulgando iso. O principal é o que se está xulgando e non quero desviar a atención do importante”, engadiu Leal, pero tamén recoñeceu que se expuxo "en moitas ocasións" emprender accións legais contra as persoas que, ao seu xuízo, están a encubrir á suposta autora do crime.

"UNHA INVESTIGACIÓN CATEGÓRICA". O avogado que exerce a acusación popular, Francisco José Lago, opina que a declaración dos axentes que levaron a investigación foi "categórica, precisa e terminante", sen "contradición" algunha con respecto á autoría e ás circunstancias do crime.

"Quedou acreditado que ela era consciente do que fixera. Estaba orientada. Quedou claro. As testemuñas foron contundentes sobre a situación que presentaba ela e sobre como se produciu o feito", dixo o letrado, "algo que non se discute e está fóra de toda dúbida".