O recuncho de José Mouriño

Ameixido: baúl de recordos a media ladeira

Con vistas á serra do Cordal esmorece unha pequena aldea que foi berce dun gran modernizador do agro en Galicia 

Ameixido y O Pazo. Lousada (3)
photo_camera Ameixido, en Lousada, Xermade. C. ARIAS

"Nacer na Terra Chá abre o espírito ao afastado horizonte e nacer nunha aldea de media ladeira pon un selo especial", di José Mouriño Cuba, un dos grandes modernizadores do sector agrario en Galicia, impulsor de denominacións de orixe como a do queixo San Simón ou a do viño Ribeira Sacra

Fillo Predilecto de Xermade, recoñece sempre que durante algúns anos só pensaba en escapar, pero agora, di, "Ameixido non se me vai do pensamento". "Xa dicía o filósofo Gustavo Bueno: o pensamento é ante todo contradición", di. E o seu é o exemplo. 

Nunca se foi de todo, nin de Ameixido nin da terra. Sempre apegado a ela. Viviu en Xermade dende 1948 que naceu ata 1961 que se foi estudar fóra. "Despois viña e veño", di ao outro lado do teléfono, cos pés na aldea, onde aínda vive a súa nai e onde continúa a gozar das vistas á serra do Cordal e a toda a parroquia. 

"Ameixido saúda á alba cando o sol está espertando, localízase entre medoñas, ollando o norte para ver o pico de Goía, cabeceira da Serra da Carba, onde freban as nubes que chegaban do Atlántico", rememora buscando a mirada daquel neno que foi, cando o cumio máis elevado, con 876 metros de altitude, era aínda máis xigante que hoxe e permitía ver unha parroquia "atravesada por camiños reais que tiña en Ameixido atallos para chegar a Ferrol" ou "os últimos coches de carga de ferro, mineral que deu moita vida e traballo ata apagarse como case todo na zona", lembra con tristura. 

Escola de O Pazo. C.Arias
Escola de O Pazo. C.Arias

A súa aldea, como moitas, esmorece vendo perder poboación. "Co tempo os recordos afloran e lembro con ledicia as épocas de Nadal, Entroido, Semana Santa... e meu pai e eu alindando o gando, mentres me contaba contos e obras de teatro que representaban na casa escola do Pazo", o mesmo lugar onde despois presentou varios libros, nese círculo concéntrico que crea a vida ás veces. 

Como ese desexo de fuxir e aquelas necesidades de antes. "Hoxe véxoas como un baúl de recordos e felicidade, recoñecendo a fermosura dunha aldea se se mira por ela", di Mouriño, que recorda con nitidez o día no que atravesou o monte con Don Luis para examinarse para ir estudar fóra. "Quizais cambiou o meu destino e a relación con Ameixido", di.   

Ameixido
Ameixido. C.Arias
Localización
Sitúase en Lousada de Abaixo, no concello chairego de Xermade. Pese a que oficialmente Lousada é unha soa parroquia, na práctica funciona como dúas: Lousada de Arriba ou Chao e Lousada de Abaixo ou Pazo. A igrexa parroquial está no Chao e no Pazo atópase a capela do Santo Cristo do Fondal (construída en 1968). Ten cemiterio propio e tamén hai unha escola. Pertence ao arciprestado das Pontes. 
Poboación 
En Ameixido houbo tempos nos que en seis casas había 30 veciños. Actualmente hoxe quedan vivindo na aldea tres habitantes. Todos superan os 90 anos. 
Curiosidades
É unha zona rica en megalitismo. No Pazo queda algún castro e no monte do Illó, en Ameixido, sobreviven ao paso do tempo varias medoñas.
 

Comentarios