Alumnos ponteses deseñan unha app que calcula prezos en tempo de vida

O proxecto, que involucra a máis de medio cento de estudantes de 1º de bacharelato do IES Moncho Valcarce, pretende facer reflexionar e concienciar sobre os gastos máis superfluos
undefined
photo_camera Paula Gómez, Adriana López, Icía Fernández, Pablo Vilaboy e Ana López, coa app. C.ARIAS

Pagamos con cartos? Ou en realidade o que gastamos é tempo de vida en cada compra que facemos? Baixo esa idea e a partir dunha reflexión do expresidente uruguaio Pepe Mújica que defende que "compras co tempo da túa vida que tiveches que gastar para ter ese diñeiro", máis de medio cento de alumnos de 1º de bacharelato do IES Moncho Valcarce das Pontes desenvolveron unha app que converte os prezos das compras nas horas reais que hai que traballar para obter eses cartos. As cifras, aseguran, fan reflexionar e tomar consciencia.

A súa peculiar Calculadora de Tempo establece o factor de conversión entre a magnitude de diñeiro e a magnitude de tempo. "Multiplicamos o prezo por 20 días e por oito horas traballadas e dividímolo polo salario de cada un para calcular así as horas invertidas", explica Icía Fernández, a alumna que se encargou do deseño da app. E demostra o que di con números.

Cun soldo medio de mileurista, un portátil básico de 350 euros convértese en sete días traballados. "Unha semana enteira", matizan. Para comprar un coche de 15.000 euros a calculadora dá como resultado 300 días traballados. "Case un ano enteiro", subliñan. E para un apartamento duns 70.000 euros, son necesarios 1.400 días, ou o que é o mesmo: case 47 meses invertidos, case catro anos destinados a esa compra.

"Ver estes datos axuda a valorar máis o produto e a captar as cousas superfluas, que ao mellor non necesitamos para nada e mercamos igual", din os alumnos do IES Moncho Valcarce, que exemplifican as súas palabras con outro caso práctico: "Un pantalón de Inditex, duns 30 euros, require 4,8 horas de traballo para mercalo, mentre un de marca de 90 euros, incrementaría o tempo a 16 horas".

"É un traballo moi reflexivo, daste conta de moitas cousas que non teñen utilidade e coas que se gasta moito tempo", di Pablo Vilaboy, outro dos alumnos involucrados, mentres Adriana López destaca que "é un traballo para desfrutar e para tomar consciencia". Icía Fernández vai máis alá: "Os adolescentes non gastamos o noso tempo, gastamos o tempo dos nosos pais. E un capricho meu supón tempo gastado das súas vidas", di.

A iniciativa naceu dentro do proxecto mutidisciplinar Vendendo Tempo, que parte da clase de Física e Química, da man do profesor Kiko Dasilva, e fai partícipes aos alumnos de Tecnoloxía -desenvolveron a app a través do software Inventor e baixo a tutela de Paula Gómez- e aos de Filosofía.

"Dende que xorde a explicación racional de Occidente reflexionouse sobre o cambio e sobre o eterno e o inmutable. E a reflexión do tempo continuou ao longo da historia", di a mestra de Filosfía, Ana López, que explica que mantiveron foros de argumentación e debate para falar de consumismo, dos excesos das sociedades, de como sería a vida sen reloxos ou para reflexionar dende a perspectiva biolóxica, antropolóxia ou psicolóxica, sobre factores como a motivación ou as expectativas que inflúen na percepción do tempo.

Comentarios