miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Almudena Falcón: «Sempre volvo ao meu Roás, nas fins de semana e nas vacacións»

Almudena Falcón. EP
Almudena Falcón. EP

O poemario ‘Flocos de millo’, xurdido entre corredoiras e inspirado polas paisaxes chairega, é a primeira obra da escritora cospeitesa, que xa tiña publicado poemas e relatos en libros colectivos. Aínda que reside en Lugo, «non hai fin de semana que non visite a casa patrucial» en Roás, onde pasou boa parte de súa vida. Logo de estudar Filoloxía Clásica na USC, exerce como profesora de lingua galega no ensino secundario.

Como xorde este libro?
Case todos son poemas breves que foran publicados nas redes sociais, acompañados de fotografías. Gústame compartir reflexións en verso e subilas ás redes no intre, cando aínda están mornas. Xa había tempo que me falaran das facilidades que presenta a rede para a autoedición e decidín aventurarme nela. Xuntei todos eses poemiñas con outros máis longos que tiña inéditos e que me apetecía publicar; maqueteinos eu mesma, xunto con imaxes tamén da miña autoría. Subino a Amazon e nuns poucos días xa estaba dispoñible para a súa venda. Foi un soño que se fixo realidade, ter un libriño de meu, feito ao meu xeito; coma a substancia, ao gusto do enfermo, que dicía meu padriño.

Está en Amazon. Como está a ser a acollida?

Non tivo moitas vendas até o de agora, porque tampouco o publicitei máis alá das miñas amizades ou nas redes sociais. Nin houbo presentacións nin eventos dese tipo. O certo é que son unha persoa que foxe dese tipo de cousas, supoño que pola timidez que me resta daquela nena que devoraba libros entre os andeis da biblioteca no canto de saír ao recreo. Pero o obxectivo da publicación non foi ter unha grande repercusión, nin beneficios, nin moito menos ser un best seller, por suposto. O que pretendín foi reunir algúns dos meus poemas máis recentes para telos impresos, entre as miñas mans, e poder agarimar as páxinas e gozar co ulido do papel e co tacto da tinta. E agasallar aos meus achegados con algúns exemplares. Nada máis. O certo é que non pensei ter venda ningunha. Así que non podo estar máis satisfeita co resultado.

O que pretendín foi reunir algúns dos meus poemas máis recente para telos impresos,enre as miñas mans, e poder agarimar as páxinas e gozar co ulido do papel

Con que apoios contou para sacar adiante o libro?

Foi un proxecto integramente meu, sen ningún tipo de axuda, a non ser, claro, o alento da miña xente. Na infancia teño gañado algún certame literario, mais xa hai anos que non presento nada, pois en poesía sempre piden un número moi elevado de versos. E eu síntome máis cómoda no formato da brevidade, tanto na poesía coma na narrativa. Gústame o poema breve, do estilo do ‘haiku’, e tamén os relatos curtos. Teño tamén escrita algunha noveliña, pero non é o xénero no que máis cómoda me atopo.

Na introdución di que son poemas breves xurdidos de intres retratados pola cámara dun móbil…

Sempre volvo ao meu Roás, nas fins de semana e nas vacacións, que traballando no ensino non son poucas. Grande parte deste fermoso tempo pásoo percorrendo camiños e corredoiras a admirar a fermosa paisaxe da Chaira: as colleitas, as árbores, os solpores... Todo o quero retratar, inmortalizalo coa cámara do meu teléfono, que disque é intelixente. E moitas veces acompaño esas fotos cuns poucos versos nos que reflexiono, personifico a paisaxe, retrato o paso do tempo ou o detemento do mesmo. E combino as dúas afeccións que me fan sentir máis viva: a poesía e a fotografía. 

A paisaxe da Chaira é unha constante no libro, moitas veces personificada, outras mitificada, sempre idealizada

Por que Flocos de millo?

Hai unha imaxe na portada que ten moita importancia para min. Na miña casa teñen unha explotación leiteira e a colleita do millo é unha constante ano tras ano por constituír un alimento estratéxico para o gando vacún. E hai unha chousa, que chaman o Leiro da Vaca, que ten plantados uns chopos na cabeceira. Era a favorita do meu padriño, que nos deixou recentemente. El e mais eu paseabamos moito polas Lamas, a zona onde está dita propiedade, e sempre bromeabamos cando aquelas árbores deitaban a súa ‘neve’ sobre o millo acabado de nacer. Eran flocos de neve sobre o millo, como di o poema que acompaña esta imaxe: "Remúdase a colleita/entre folerpas/de algodón arbóreo". E os flocos de millo tamén remiten a que é unha obra moi visual, para gozar dela mentres se degusta unha presa deles. 

Que peso ten a comarca chairega neste poemario?

A paisaxe da Chaira é unha constante no libro. Moitas veces personificada, outras mitificada, sempre idealizada. Creo que os que somos do rural, ou polo menos os que o somos de corazón, levamos dentro de nós a paisaxe. No sangue das veas. Ou quizais nós propios somos paisaxe. Esta aparece retratada nas imaxes do libro como protagonista indiscutible e, por suposto, tamén nos poemas. 

En que se inspira para escribir?

Non sabería dicilo. No que xorde, no momento. Hai veces que precisas desabafar e falo a través da escrita. Vomitas todo o que levas dentro en forma de poema ou de relato, ou simplemente de algo sen sentido. E, cando pasa un pouco de tempo, ás veces máis, outras veces menos, dáslle forma e fas algo con certo xeito, daquilo que antes fora simplemente unha regurxitación. 

Ao longo do curso destino moita da miña creatividade ás aulas, gústame facer actividades diferentes coa rapazada, para motivala e achegala á nosa lingua

Ten outros proxectos en mente?

Ando cavilando, quizais un de pequenos relatos estaría ben. Mais tamén teño algunha noveliña escrita de hai uns anos que se cadra retomo. Hai que ter tempo para iso. Quizais no verán, que hai máis tempo libre e a calor do sol convida a relaxarme e escribir. Ao longo do curso académico destino moita da miña creatividade ás aulas. Gústame facer actividades diferentes coa rapazada, para motivala e achegala á nosa lingua. As mozas e mozos son o futuro e necesitamos que sexan a nosa semente de vencer.

Como ve o mundo editorial, resulta doado publicar?

Sendo unha autora descoñecida como son, non vexo factible polo momento a edición dentro do sistema literario.  Ademais, nos últimos anos non presentei nada aos certames literarios. Coma todo na vida, hai que ter tempo para dedicarte a escribir e ser constante. A unha nai acabada de estrear, e ademais docente, non lle é moi doado sacar tempo para as súas afeccións. Pero aí estamos, resistindo e tentando dar ao prelo algunha obriña máis ao meu xeito.

De preto: "Dende ben pequena sentín esa necesidade de escribir"
Unha palabra?
Anduriña.
Un verso?
"No niño novo do vento hai unha pomba dourada..."
Un libro?
Izan o da saca, de Xabier Quiroga.
Un escritor de referencia?
María Reimóndez.
Unha imaxe?
Unha chousa das Lamas.
Unha película?
O que arde.
Unha viaxe?
Portugal, sempre.
Un recuncho da Chaira?
O meu Roás.
Para escribir, ordenador ou bolígrafo?
Calquera cousa, mesmo o móbil.
Escribía de pequena?
Si, dende que teño memoria. Dende ben pequena sentín esa necesidade de escribir sobre as cousas que me arrodean. 

Almudena Falcón: «Sempre volvo ao meu Roás, nas fins de semana e...
comentarios