Alarma en Castro por un despregamento para auxiliar a unha persoa que caeu

A localidade chairega de Castro de Ribeiras de Lea rexistrou onte a última hora da tarde un gran balbordo tras activarse un importante despregamento de medios, entre Garda Civil e ambulancia, para intentar auxiliar a unha persoa que sufrira unha caída e que posteriormente se marchou do lugar onde tivo o contratempo.

Os feitos ocorreron minutos antes das oito da tarde, cando un home duns 40 anos, que ademais levaba dous cans, achegouse a un local de hostalería a preguntar polos horarios dos autobuses para Lugo. No exterior do mesmas dúas persoas informáronlle e, cando se ía a ir, perdeu o equilibrio e caeuse dando de bruzos contra o chan. A consecuencia do impacto, o home, que segundo algunhas testemuñas parecía non atoparse en bo estado xa á súa chegada, empezou a sangrar abundantemente polo nariz e a boca e tamén quedou tendido no chan, polo que as persoas que estaban nese momento con el procederon a chamar aos servizos de urxencias.

Con todo, tras uns minutos, el rexeitou a axuda, levantouse e marchouse andando rengueante pola rúa principal do pobo. Unha ambulancia e dúas patrullas da Garda Civil iniciaron entón unha procura pola localidade para tratar de dar co ferido e atendelo, o que xerou alarma e expectación entre os veciños e viandantes que se atopaban na zona nese momento.