Afronta 3 anos de prisión por roubar donativos nunha capela de Vilalba

O acusado levou uns 200 euros dos cepillos e o lampadario e causou danos por 478
Un lampadario. AEP
photo_camera Un lampadario. AEP

O fiscal solicitou unha condena de tres anos de prisión para o acusado de roubar a recadación do lampadario e dos cepillos da céntrica capela de San Roque de Vilalba, que se atopa na Rúa Conde Pallares.

O botín do roubo, uns 200 euros, foi moi inferior ao importe dos danos que causou o procesado para cometelo, que foron taxados en 478 euros.

O xuízo por este delito de roubo con forza nas cousas, que quedou visto para sentenza, celebrouse o martes no xulgado do Penal número 1 de Lugo.

O roubo tivo lugar o Día dos Santos Inocentes, o 28 de decembro de 2017. Entre as oito e as dez da mañá, cando a capela se atopaba aberta ao público, entrou o procesado, que presuntamente forzou con algún obxecto punzante o lampadario e os cepillos.

A Fiscalía eleva a tres anos de prisión a solicitude de pena xa que aplica ao acusado o agravante de reincidencia. Esta conta no seu currículo cunha condena de catro meses de prisión, que xa cumpriu, por outro delito de roubo con forza nas cousas.

O ministerio público solicita ademais que o procesado indemnice á parroquia de Vilalba con 678 euros polo diñeiro subtraído e os danos ocasionados para cometer o roubo.

A letrada da defensa pediu a libre absolución do acusado, quen negou a autoría dos feitos durante a vista oral celebrada onte no xulgado do Penal número 1 de Lugo.

BRANCO DE ROUBOS. A pesar de que dispón dun sistema de videovigilancia, a capela de San Roque adoita ser un cobizado obxecto de desexo dos amigos do alleo. Tan só unha semana despois do que foi xulgado onte na capital lucense, produciuse outro roubo, tamén a plena luz do día aproveitando que estaba aberta ao público, e o botín volveu ser os donativos que os fieis depositaron nas huchas do templo.