O adeus a un "logrador de soños"

Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado en 1936, faleceu aos 99 anos en Buenos Aires. Impulsor da querela arxentina contra o franquismo, foi un símbolo de loita

Darío Rivas, en una visita a Lugo. AEP
photo_camera Darío Rivas, nunha visita a Lugo. AEP

A piques de cumprir cen anos, e logo de media vida dedicado a defender a memoria -primeiro a do seu pai e despois a de todas as vítimas do franquismo-, o chairego Darío Rivas, "gran soñador e logrador de soños", como o define a súa propia familia, pon punto final a unha longa loita tras falecer este luns en Buenos Aires.

Fillo de Severino Rivas Barja, alcalde republicano de Castro de Rei asasinado polos falanxistas en outubro de 1936, e promotor da querela arxentina contra os crimes do franquismo tras fracasar o intento de Baltasar Garzón de investigar en España, converteuse nun galego universal e un símbolo para moita xente.

Din os que o coñecían ben que se marchou con moitos soños cumpridos -o primeiro atopar o seu pai- e algunha espiña cravada, como ver a saída de Franco do Val dos Caídos, unha das súas últimas batallas. "Era unha idea que o movía nestes últimos anos, o único que o iluminaba cando falabamos a través dunha pantalla", di a súa sobriña neta, a lucense María Jesús Rivas, con tristeza. "Estaba moi maior, xa non era el, case non falaba, non comía... pero tivo unha vida ben vivida", apunta, mentres o seu teléfono se enche de mensaxes que van e veñen a un lado e outro do Atlántico. Desde a tarde do mércores descansará na capital arxentina, á beira da súa muller.

DE CASTRO DE REI A BUENOS AIRES. Darío Rivas naceu en Castro de Rei en 1920 pero emigrou a Buenos Aires con nove anos. Estando alí o seu pai foi fusilado. Enterouse por unha carta e a pesar de que xurou non volver a España, os seus pés tomaron o camiño contrario e regresou unha e outra vez en busca de xustiza, pero non desde a vinganza, como el sempre deixaba claro con esa voz pausada. Falaba así, amodo, cun acento que envolvía pero con palabras que gritaban.

Dedicou décadas a atopar o seu pai e logrou recuperalo, case 70 anos despois, nunha fosa anónima na parte traseira da capela de Cortapezas, en Portomarín. Foi o primeiro exhumado oficial pola Asociación da Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) en Galicia. "O corpo do meu pai era meu e de ninguén máis", dicía Darío Rivas, que a finais de 2005 o enterrou no panteón familiar de Loentia, en Castro de Rei, "para que puidese descansar" á beira da súa nai cunha frase na lápida chea de tenrura que remove. "O teu fillo mimado", di.

LOITA. "Estivo toda a súa vida buscándoo, nunca parou. Pasou ano tras ano vindo a España. Estes asasinatos son secuestros, non sabía onde estaba ata que en Portomarín lle falaron dun home ben vestido e cunha gabardina que fora fusilado e contactou connosco", di Carmen García Rodeja, a portavoz da ARMH en Galicia, que define a Darío Rivas como "un símbolo da loita polos dereitos humanos, pero dende a xustiza, nunca dende o rancor" e como unha persoa "sen medo a falar".

"Foi un iniciador para que outros familiares iniciasen a súa procura e sempre que veu estivo implicado, daba igual o que lle propuxeses", di García Rodeja e lanza unha cifra chea de nomes e cargada de historias, moitas aínda silenciadas: "Quedan máis de 100.000 desaparecidos", resalta.

E é que esa foi a súa outra loita; a de todos. Cinco anos despois de atopar ao seu pai, en 2010, Darío Rivas presentou ante a xustiza arxentina unha querela por xenocidio e crimes de lesa humanidade contra a ditadura. Foi un dos tres primeiros asinantes dunha causa á que se foron sumando miles de casos, aínda que apenas avanza.

"Darío Rivas é a imaxe da pertinaz loita pola dignidade, loitou toda a vida porque el sabía que ningún pobo ten dereito a existir se non ten memoria e o fíxoo para salvagardar a esencia de patria e de país", indica un amigo, o escritor e músico chairego Mero Iglesias, que o coñeceu xa de neno.

"A digna actitude de Darío Rivas conseguiu a unanimidade dos partidos políticos en Castro de Rei", sinalan os socialistas e recordan que o pleno lle dedicou unha rúa ao seu pai sendo alcalde o popular Arturo Pereiro e que con Juan José Díaz Valiño colocouse unha placa. "É unha gran perda e con independencia de ideoloxías as institucións teñen que estar por enriba", expresou o actual rexedor, Francisco Balado.

A Deputación de Lugo entregoulle en 2014 unha placa de honra pola súa defensa dos represaliados e a ARMH organizou un acto no cemeterio de Cortapezas en 2015, un dos últimos aos que asistiu a este lado do Atlántico. "Don Darío sempre estará como unha luz", concluíu a portavoz do colectivo en Galicia. El foi claridade para tempos escuros.

Comentarios