Adif comprométese a non suprimir os pasos a nivel en Parga sen o consenso veciñal

Paso a nivel en Parga. ARCHIVO
photo_camera Paso a nivel en Parga. ARQUIVO

O Concello de Guitiriz comunicou este martes que conta co compromiso de Adif de non "executar o proxecto de supresión dos pasos a nivel en Parga se non conta coa aprobación veciñal". "Desde a entidade ferroviaria comprométense a aparcar o investimento en Parga", precisan desde o goberno local "se nin o Concello nin os veciños e veciñas están convencidos con algunha das diferentes opcións postas sobre a mesa para levar a cabo a supresión dos pasos a nivel ao non contemplarse a construción dunha variante".

A alcaldesa, Marisol Morandeira, xa avanzou que lle comunicará este acordo aos veciños "e, se o aceptan, o Concello enviará un escrito de obxección a Adif solicitando que non se faga a actuación prevista".

"Sempre quixemos ir da man da xente de Parga e nunca estivemos dispostos a aceptar calquera proxecto que fose contra os seus intereses", precisa a rexedora.

PLENO. En 2018 a corporación aprobou unha moción opoñéndose ao proxecto de Adif dun paso subterráneo, á que se aludiu no último pleno, no que o BNG defendeu unha nova moción de rexeitamento á proposta dun paso elevado. Esta non prosperou e xerou polémica. Incidiuse en que non era un proxecto oficial, senón unha idea "informal" e PP e PSOE criticaron ao BNG por facer un uso partidista das reivindicacións veciñais, acusación que se fixo extensiva a Parganonsedivide, que organizara unha asemblea ao ter coñecemento do novo plan de Adif, rexeitado por quen asistiron á reunión.

Desde a plataforma saíron ao paso destas críticas cun comunicado, lamentando "os duros infundios, descualificativos e falsidades lanzados contra Parganonsedivide" no pleno.

Comentarios