O actor Luis Zahera será o pregoeiro da XXV Festa do Queixo de San Simón

A celebración será os días 6 e 7 de abril en Vilalba. A Orquestra Mondragón actuará no auditorio

Luis Zahera. BALLESTEROS (EFE)
photo_camera Luís Zahera. BALLESTEROS (EFE)

O recoñecido actor Luís Zahera será o encargado de pronunciar o pregón da Feira do Queixo de San Simón da Costa, que os días 6 e 7 de abril celebrará o seu vixésimoquinto aniversario en Vilalba.

O actor santiagués, que acaba de ser distinguido nos premios Goya ou Feroz pola súa actuación na película El reino de Rodrigo Sorogoyen, conta cunha longa traxectoria no cine, o teatro e a televisión, este último un formato no que sempre será recordado entre o público galego como Petróleo de Mareas Vivas.

A súa intervención na Praza da Constitución está fixada para as 18.00 horas do sábado 6 e servirá para inaugurar oficialmente a feira organizada pola Asociación de Queixeiros de San Simón e o Concello de Vilalba, que un ano máis contará con postos de venda de queixos e outros artigos, ademais de varios showcookings.

Na primeira xornada, o público tamén poderá gozar da V Ruta BTT Terra Chá do Queixo San Simón, que sairá da Praza da Constitución ás 9.00 horas ou do espectáculo da Orquestra Mondragón, que actuará no auditorio Carmen Estévez ás 21.00 horas. As entradas, a un prezo de dez euros en venda anticipada, poranse á venda en breve en Ataquilla e a casa da cultura.

Comentarios