"Estas actividades en concellos pequenos como o de Muras son algo marabilloso"

Francisco García será o encargado de guiar a sesión de observación astronómica que se leva a cabo este sábado na área de autocaravanas do Viveiró, das 21.00 ás 22.45 horas
Francisco García. SEBAS SENANDE
photo_camera Francisco García. SEBAS SENANDE

As estrelas estarán ao alcance da vista de todo os participantes da sesión de observación que se levará a cabo este sábado en Muras, e na que os afeccionados á astronomía e os curiosos que queiran aprender algo sobre ela ou iniciarse na mesma poderán poñer o ollo no telescopio de Francisco García, que se encarga de guiar unha actividade que aproveita o ceo de Muras para amosar o que hai más alá da Terra, xa sexa vendo a lúa ou estrelas de diversos tipos.

Como xurdiu esta observación?
O Concello de Muras púxose en contacto comigo e falamos para levala a cabo, xa que ademais é un municipio Starlight e é moi habitual que celebren actividades relacionadas co ceo e coas estrelas, algo que é de agradecer e de aplaudir. De feito, nun futuro queremos facer un obradoiro de construción de telescopios.

En que vai consistir esta sesión de observación astronómica?
Vou levar o meu telescopio persoal, montareino alí e, primeiramente, voulles explicar aos asistentes como funciona, para que a súa experiencia sexa satisfactoria. Despois, imos tentar ver o que nos permita a noite. Vai ser algo sinxelo porque para avanzar niveis habería que ter xa unha certa experiencia.

Que van tentar ou que lles vai ser posible ver?
Imos ver dúas estacións do ceo, a primavera e o verán, aínda que vai depender moito de factores como a temperatura. Veremos a lúa, algún planeta, e algunha xigante vermella e algunha estrela azul, para ver tamén as cores das estrelas.

Vailles falar da Supernova SN1993J que vostede mesmo descubriu?
Por suposto. Vou explicar como foi o momento en que a descubrín e tamén as súas características, que principalmente eran o seu brillo e que presentou unha curva de luz que nunca antes se vira.

Como recorda agora ese momento tan especial?
Acórdome como se fose onte. Foi unha sorpresa enorme e un momento no que tiven que actuar moi rápido para que me atribuísen o seu descubrimento, xa que daquela as comunicacións eran por fax.

"O ceo de Muras ten altitude e pouca contaminación lumínica, algo ademais que coidan moito (...) hai moi poucos sitios hoxe en día no que se poidan ver as estrelas"

Que repercusión tivo o seu descubrimento?
A nivel da comunidade astrofísica mundial foi moi importante, e por un tempo todos os observatorios do mundo apuntaban cara a ela, o que xa di moito.

Como valora a implicación do Concello de Muras coa astronomía?
Moitísimo. Que concellos pequenos coma este estean tan sensibilizados co tema de coidar o ceo é algo superimportante, e digno de admirar, xa que as principais cidades galegas nin sequera o fan. Ademais, a promoción que fan é de agradecer e axuda na loita por un ceo máis escuro pola súa conservación, que é vital.

Que opina da realización de actividades coma esta?
Estas actividades en concellos pequenos como o de Muras son algo marabilloso, e contrasta moito con que en sitios máis grandes non se fagan iniciativas deste estilo. Paréceme que é unha idea moi boa para formar os pequenos sobre o ceo, para darlle oportunidades de desfrutar á xente á que lle gusta a astronomía e para promover un pouco este mundillo.

Que ten o ceo de Muras para ser tan axeitado para este tipo de actividades?
Ten altitude e pouca contaminación lumínica, algo ademais que coidan moito, xa que sei que se esforzan por manter o ceo escuro e por respectalo, xa que hai moi poucos sitios hoxe en día no que se poidan ver as estrelas, en contraposición con antigamente, cando mesmo os labregos podían saber a época do ano só con miralas.

Que lle recomendaría a alguén que se quere iniciar na astronomía?
O primeiro é conseguir un mapa de constelacións e comezar a observar coa propia vista ou, como moito, cuns prismáticos, antes de fabricarse ou mercar un telescopio, xa que é máis complexo.

Comentarios