Actividade case normal en Vilalba pola mañá e un páramo pola tarde

O primeiro día laborable na capital chairega tivo dúas caras e por momentos desenvolveuse a xornada coma se non houbese alarma. Un 60% das empresas do polígono estiveron abertas
Imagen de archivo del polígono de Vilalba. EP
photo_camera Imaxe de arquivo do polígono de Vilalba. EP

Calquera persoa que chegase na mañá deste luns a Vilalba, se non soubese que o país se atopa en estado de alarma polo coronavirus, podería pensar que se trataba dunha xornada máis como calquera outro luns. A pesar de haber moitos establecementos pechados, o feito de que outros de servizos básicos e de primeira necesidade estivesen abertos favorecía que o tránsito de persoas pola rúa fose bastante parecido ao dun día normal.

O volume de coches circulando tamén era bastante considerable, cousa lóxica se temos en conta a cantidade de vilalbeses que viven nas parroquias de ao redor e que se desprazaron tamén para realizar algunha compra.

Esta sensación de normalidade podíase apreciar no polígono industrial, onde se mantivo entre o 60% e o 70% da actividade, segundo indicaron desde a asociación de empresarios Sete Pontes, neste primeiro día laborable tras declararse o estado de alarma. As empresas que estiveron abertas eran as relacionadas coa automoción, o transporte e a alimentación.

Precisamente no apartado alimentario, e concretamente nos supermercados, a situación acougou con respecto ao venres e ao sábado. A afluencia de xente foi menor e, en canto o número de persoas empezaba a elevarse, restrinxíase a entrada para acceder escalonadamente.

A afluencia de xente nos supermercados foi menor que en xornadas pasadas e o abastecemento nos andeis normalizouse

Tras as compras masivas das pasadas xornadas e ao coincidir en fin de semana, as subministracións normalizáronse pola tarde, de forma que pola mañá eran moitos os andeis que lucían baleiros, o que inquietou os clientes. Estes preguntaban se habería abastecemento e a resposta que obtiñan era que estaba asegurado, aínda que o luns atrasábase ao non dar a basto desde os almacéns para volver poñer ao día toda a mercancía que era necesaria.

Unha vez foron transcorrendo as horas, e coa chegada da tarde, as sensacións no exterior eran diferentes ás da mañá, xa que se parecía máis a unha xornada de domingo.

Unha situación similar viviuse na outra zona industrial destacada da comarca, o polígono de Castro de Ribeiras de Lea, onde a actividade se viu bastante reducida, non sen moitas dúbidas sobre o que podía estar aberto e o que non. Neste sentido, a asociación de empresarios Sete Pontes de Vilalba elaborou unha infografía para liquidar dúbidas entre os seus asociados.

Menos asistencia nos tanatorios
Un negocio no que a afluencia está regulada por decreto son os tanatorios. Tanto desde o Grupo Recafer de Vilalba como desde Serfuja, en Castro, precisan que a xente entendeu a necesidade de reducir a asistencia ao mínimo, con grupos de non máis de 15 persoas, coa presenza só da familia máis próxima.

"A xente está bastante concienciada, enténdeo", explican, recordando que non se están celebrando misas, polo que os funerais se limitan a darlle sepultura aos defuntos.

Comentarios