Atopan morto un xermadés nunha estrada de Momán

Un particular alertou ao 112 pensando que se trataba dun atropelo, aínda que os servizos de emerxencias desprazados ao lugar non atoparon feridas e cren que o falecemento se puido deber a causas naturais
Lugar del suceso. EP
photo_camera Lugar do suceso. EP

Un veciño de Momán de 62 anos foi atopado morto ao redor das 20.00 horas da tarde deste venres no lugar de Cerdeira, pertencente á mesma parroquia xermadesa, á altura do quilómetro 3 da LU-P-2204, que une esta parroquia co municipio coruñés das Pontes.

Un particular alertou ao 112 ao decatarse da presenza do corpo sen vida do home, pensado que podería ser vítima dun atropelo, aínda que a falta de feridas no corpo levou aos servizos de urxencia desprazados ao lugar a pensar, a falta do que decrete a autopsia, que o falecemento se debeu a causas naturais.

Axentes de Tráfico e da Garda Civil, unha ambulancia do 061 e voluntarios de Protección Civil de Xermade desprazáronse ata o lugar do suceso, nunha pequena recta nunha zona de curvas.