Achan en bo estado a un octoxenario que se desorientou e durmiu á intemperie en Abadín

Estaba a uns dez quilómetros da súa vivenda en liña recta

Un veciño octoxenario da Graña, no municipio de Abadín, foi achado en bo estado na mañá do xoves tras desorientarse mentres paseaba na tarde do mércores e pasar toda a noite á intemperie.

O home foi atopado ao redor das 11.30 da mañá polos membros que participanban no dispositivo de procura nas proximidades do cemiterio de Veiga de Pumar, no concello de Cospeito, con diversos rasguños que en principio non revestían gravidade.

Segundo os familiares, o octoxenario saíu do seu domicilio co obxectivo de dar un paseo, algo que fai habitualmente, ao redor das 17.00 horas do mércores. A súa familia, coa que reside, deu a voz de alarma esa noite ao comprobar que non regresaba a casa logo de varias horas.

Nos labores de procura participaron, ademais dos achegados, varios veciños e axentes da Garda Civil, que rexistraron "palmo a palmo" as inmediacións do lugar onde vive, así como varios barrios e montes próximos, durante toda a madrugada ata dar con el.

O octoxenario, que non recorda como chegou a desorientarse, atopábase a uns dez quilómetros "en liña recta" da súa vivenda, aínda que polo momento descoñécese o que puido camiñar realmente tras pasar máis de 18 horas fóra da súa casa. A súa familia agradece a colaboración recibida e que todo quede "nun susto".

Comentarios