Acepta seis meses por cobrar durante 16 anos a pensión da súa irmá morta

Un veciño de Ribeira de Piquín admitiu a estafa á Seguridade Social, á que xa devolveu todo o diñeiro

Un home de idade avanzada, veciño de Ribeira de Piquín, aceptou seis meses de prisión por un delito continuado de estafa ao Instituto Nacional da Seguridade Social, tras cobrar a pensión dunha irmá morta durante 16 anos.

As partes chegaron a un acordo de conformidade antes da celebración do xuízo no Xulgado do Penal número 1 de Lugo, polo que a petición de pena inicial, que ascendía a dous anos de prisión, rebaixouse finalmente a seis meses, que o acusado aceptou, aínda que tampouco terá que cumprilos, ao serlle suspendidos por non ter antecedentes penais.

A estafa pola que foi investigado produciuse desde abril de 1999 ata maio de 2015, durante 16 anos nos que o procesado, "guiado co propósito de obter un ilícito enriquecemento patrimonial", tal e como rezaba o escrito da acusación, cobrou a mensualidade da pensión dunha irmá falecida, que ascendía a uns 200 euros. Periodicamente retiraba diñeiro en efectivo de contas bancarias en sucursais de Meira, que usaba "en gastos correntes e propios".

En 2015 o INSS deu de baixa a pensión de oficio, momento no que se constatou que o home cobrara indebidamente 33.820,84 euros. Este reparou "o dano", segundo confirmou a súa avogada, Ana Goñi, e a Seguridade Social recuperou o importe íntegro. O home retornou directamente 25.839 euros en xuño de 2017 e os 8.000 restantes xa foron devoltos a través do banco.