Un absurdo moi clarificador

O último e público roubo no balneario de Guitiriz exemplifica o espolio sufrido por un complexo cuxa venda está a piques de pecharse
Los jubilados coruñeses, con su botín en Guitiriz. EP
photo_camera Os xubilados coruñeses, co seu botín en Guitiriz. EP

Pasaron catro días desde que un grupo de xubilados coruñeses decidise asaltar a plena luz do día as instalacións do Hotel Balneario de Guitiriz e o esperpéntico roubo segue sendo a díxomedíxome do pobo. E máis aló, porque o suceso, polo xeito de proceder dos seus autores, tivo repercusión incluso a nivel nacional. Non todos os días unha banda organizada da terceira idade afana sacos e caixas de enxoval ou roupa de cama dun edificio abandonado, simplemente porque está aí, porque se pode.

Os guitiricenses non saen do seu asombro e expresións como "¡Que verguenza!" ou "Parecía que ían á feira!" forman parte de cada conversa e esténdense polas redes sociais, nas que non faltan os comentarios xocosos.

Pero o certo é que este último e absurdo capítulo, que se resolveu coa identificación dos presuntos ladróns e a intervención do material subtraído —depositado no cuartel á espera de que alguén o reclame—, non fixo máis que poñer de manifesto o constante espolio sufrido por un complexo termal de catro estrelas que era un referente e agora languidece a mercé de aventureiros, ladróns ou exploradores youtubers.
Desde que o balneario pechou na primavera de 2017 presentáronse ante a Garda Civil polo menos unha decena de denuncias por asaltos de todo tipo. Grifería, cableado, maquinaria, quads, lámpadas, roupa... A recente aventura dos xubilados mostra que todo vale para os amigos do alleo, que nas reiteradas incursións tamén causaron incontables danos.

Tanto o antigo propietario como a administración concursal intentaron previr estes sucesos coa presenza de patrullas da Garda Civil, que chegaron a identificar varias persoas ou incautar material roubado, pero a extensión do lugar e os múltiples puntos de acceso, máis aló das entradas oficiais, fan imposible frear estes incidentes.

O Concello, que non ten potestade por tratarse dunha propiedade privada, comprometeuse a abrir e pechar un enreixado para facilitar o acceso á fonte mineromedicinal, de uso público, e o persoal municipal tamén supervisa ou alerta se atopa algo sospeitoso nun espazo que permanece no limbo ata que se concrete a súa venda.

A empresa madrileña Foro de Formación y Ediciones S.L. adquiriu as instalacións unha subastilla celebrada a finais de 2019 no Xulgado do Social de Lugo por 4,5 millóns de euros e os trámites do proceso de venda seguen o seu curso. Todo apunta a que os novos titulares prevén recuperar o seu uso como hotel balneario, unha noticia que sería recibida cos brazos abertos en Guitiriz, dadas as repercusións positivas que tería a nivel económico e social a súa ansiada reapertura.

Comentarios