A abstención do PP impide dedicar a casa da cultura de Vilalba a Manuel María

O tributo á matrona Concha da Raíña, coa colocación dunha escultura nun parque, aprobouse por unanimidade
 
Pleno ordinario de julio en Vilalba, el primero presencial tras el estado de alarma. M.ROCA
photo_camera Pleno ordinario de xullo en Vilalba, o primeiro presencial tras o estado de alarma. M.ROCA

A proposta para pór o nome do poeta Manuel María á casa da cultura de Vilalba non saíu adiante no pleno ordinario deste xoves por non alcanzarse o mínimo dos votos a favor de dous terzos da corporación, ao absterse o PP, mentres que Vilalba Aberta, que levou esta proposta á sesión plenaria anterior, e o PSOE, que elaborou por mor disto o correspondente expediente, si apoiaron a iniciativa.

O portavoz popular, Agustín Baamonde, apuntou que non se opuñan a realizar unha homenaxe á figura de Manuel María, polo "seu nivel, categoría, vencellamento á Terra Chá e importante obra", pero si forma que se propuña. "O noso inconvinte é que somos contrarios á asignación de nomes concretos a edificios públicos. Hai outras formas de recoñecer figuras como a de Manuel María", dixo.

Si houbo unanimidade en cambio na votación para render homenaxe a Concepción Braña y Rey, coñecida como Concha da Reina e primeira matrona titulada da comarca, en cuxo honra se colocará unha estatua no parque xunto á gardería municipal.

O PP alegou ser contrario á asignación de nomes concretos a edificios públicos

Relacionada co tema das distincións, Vilalba Aberta presentou unha moción de urxencia para propor a modificación dun artigo do Regulamento Especial de Honras, Distincións e Protocolo Cerimonial do Concello, polo que para outorgar distincións fose necesario a maioría absoluta no canto dos dous terzos da corporación actuais. Tanto PSOE como PP se opuxeron ao entender que estas cuestións requiren "un consenso social amplo".

Nunha longa sesión que se prolongou practicamente ata a medianoite e incluíu un descanso, o resto os puntos propostos polo equipo de goberno na orde do día saíron adiante por unanimidade: iniciar o expediente para asumir a xestión do comedor da Escola de Educación Infantil; que a gardería municipal sexa gratuíta para o segundo fillo, o terceiro plan de igualdade e seis proxectos de obras nas Pedreiras, Rúa Chao Ledo e nas parroquias de Codesido, Árbol, Santaballa, Sancovade e Oleiros.

OUTROS ASUNTOS. A elaboración do orzamento municipal do presente ano centrou unha boa parte do debate, aínda que finalmente houbo acordo por unanimidade. O PP presentou unha moción para pedir ao equipo de goberno que elaborar unha proposta previa en consenso coa oposición.

O PP e Vilalba Aberta coincidiron nos seus argumentos e criticaron ao PSOE por prorrogar as contas de 2019. "Con isto, o equipo de goberno renuncia a facer o cambio que prometía en campaña e acepta a súa incapacidade de facer un borrador de orzamento municipal", apuntaron tanto Baamonde como Modesto Renda.

Os tres partidos reuniranse para elaborar o orzamento municipal deste ano

O edil de economía, Luís Fernández, explicou que o orzamento estaba "planificado" e cun "borrador" en marzo -con 12,1 millóns de euros de ingresos e 11,8 de gastos-, pero a pandemia obrigou a ir "facendo modificacións presupostarias".

A alcaldesa, Elba Veleiro, engadiu que na primeira quincena de agosto esperan contar coa liquidación das contas do 2019 e, a partir de aí, poder "sentar" para "dar saída aos orzamentos".

Tamén se aprobou por unanimidade, tras redactar de novo o acordo da moción presentada polo PP, que o goberno local asuma o compromiso de negociar coa asociación de empresarios Sete Pontes un convenio de colaboración con dotación económica para a dinamización do tecido empresarial. O PSOE rexeitou a moción nos termos propostos polo PP, que especificaba que fose un convenio por tres anos e dotado con 100.000 euros. 

Os dous partidos da oposición uníronse para aprobar dúas mocións de Vilalba Aberta. A primeira, que o PSOE tachou de vaga "e moi pobre", facía referencia a pór en marcha unha serie de medidas para sensibilizar e informar sobre igualdade e dereitos LGTBIQ+ en distintos ámbitos, creando ademais un Consello de Libertade Afectivo, Sexual e de Xénero e Igualdade. "Non sabemos moi ben a que se debe esta moción. Nós temos a nosa guía e xa fixemos varias actuacións neste sentido. Se non se fixeran, entenderíaa", apuntou a edila Vanesa Siso.

Vilalba Aberta contou co apoio do PP na súa proposta do sistema municipal de cheques para a conciliación

A segunda propuña a creación dun sistema municipal de cheques para axuda á conciliación familiar e en colaboración coas tres ludotecas da localidade.

Non saíron adiante en cambio, cos votos en contra do PSOE e a abstención do PP, as propostas de Vilalba Aberta sobre destinar toda a partida do Fondo de Compensación Ambiental en actuacións nas parroquias e a posta en marcha dun programa de axuda para autónomos. 

FESTAS DE SAN RAMÓN
No apartado de preguntas, todas do PP, unha facía referencia a se se ían a celebrar festas de San Ramón e Santa María. Elba Veleiro explicou que os festexos están condicionados pola situación actual do coronavirus e que se foi atrasando o anuncio dos actos. "En varios momentos cambiamos o que xa tiñamos pensado", recoñeceu.

"Esperamos que na vindeira semana, que xa entra agosto e por ter unha maior aproximación coas datas das patronais, poder avanzar o programa", apuntou a rexedora.

Comentarios