A abadinesa Ángeles Goás debuta na escrita co conto 'O asubío do avó'

O traballo, que será presentado en breve en Santiago, foi publicado pola editorial Galaxia ► As ilustracións do libro, que serve de homenaxe ao pai da autora, son de Leandro Lamas
Ángeles Goás presenta 'O asubío do avó'.EP
photo_camera Ángeles Goás presenta 'O asubío do avó'.EP

A mestra e narradora oral Ángeles Goás Amado, natural do barrio da Torre, en Abadín, e que conta cunha longa traxectoria no mundo da palabra, vén de debutar na escrita co libro O asubío do avó.

"Sempre me gustou escribir, pero facíao para min", explica a autora, retrocedendo no tempo e lembrando como xurdiu este traballo que serve para recordar e homenaxear a seu pai.

"Foi un home alegre, asubiador, sempre estaba contento", asegura Ángeles, lembrando que a raíz dunha enfermidade e unha intervención cirúrxica "quedoulle unha cicatriz que lle impediu volver asubiar".

Unha semana despois da súa morte, a autora, como se fora un sinal, escoitou asubiar ao seu fillo "por primeira vez", relata emocionada, confirmando que foi esta cuestión a que a motivou a escribir e construír este conto.

"Escribino para min, para lembrar que aínda que as persoas marchan, sempre queda algo delas en nós. Meu pai estaba nese primeiro asubío do meu fillo", asegura Ángeles, quen despois dun tempo e de reler o que escribira pensou na posibilidade de autoeditar o libro."Foi unha amiga, que xa tiña publicado algún que outro traballo, á que me animou despois de lelo a enviarllo a Galaxia. Foi así, tan simple, sen moita intención", resume a recén estreada escritora, quen xa pensara en Leandro Lamas para ilustrar este traballo "cando valoraba a opción de autoeditalo eu", explica.

"A editorial concedeume o regalo de poder elixir o ilustrador, e Leandro sempre me gustou moito. Todo neste libro é un agasallo de vida para min", asegura Ángeles, quen cre que o conto non está dirixido só a un público infantil.

"A temática que trata é perfectamente válida para calquera adulto. De feito, a nós cústanos máis enfrontarnos á morte que aos nenos", afirma a mestra, agradecida pola "boa acollida" que está tendo este primeiro traballo.

"Todo está sendo unha sorpresa para min. Por iso non me plantexo escribir algo máis para publicar, se sae algo máis, sería igual de casual que isto", confirma a narradora abadinesa, quen avanza que a presentación oficial de O asubío do avó será en Santiago, onde reside e traballa, nunha data aínda por confirmar.

"Gustaríame tamén levalo á Terra Chá, á miña terra", di, falando dun lugar ao que volve sempre que pode e onde están as súas raíces.

OUTROS PROXECTOS. Ademais deste traballo editorial, Ángeles Goás continúa con outros proxectos, entre eles a exposición "Debuxar con palabras", que xa pasou por Santiago de Compostela, Escairón ou Chantada e que fixo a súa última parada en Lalín.

A isto súmase, na súa faceta como narradora oral, proxectos como "Sentido común", "Costureiras" ou "Divas de diván", cos que segue percorrendo toda Galicia.

Unha forma de expresarse
Este primeiro paso no mundo literario da artista multidisciplinar chairega «quere ser unha peza máis» no medio da súa "maneira de expresar".

Pandemia
O libro, que conta con 28 páxinas cheas de ilustracións a toda cor e pode adquirirse en librarías, saíu ao mercado este verán. A idea inicial era publicalo en 2020, pero a pandemia retrasou os plans un ano.

Comentarios