Abadín recupera Expogrelo o 5 de marzo coa asistencia de 15 produtores

A cita co manxar verde será nas naves de Gontán
Un puesto de venta, en otra edición de Expogrelo. ARCHIVO
photo_camera Un posto de venda, noutra edición de Expogrelo. ARQUIVO

O Concello de Abadín recuperará o próximo 5 de marzo Expogrelo logo dun ano de parón debido á situación sanitaria. E farao cun programa similar ao anterior á pandemia.

"Tería que ser a decimosétima edición da feira, pero será a décimo sexta", explica o rexedor de Abadín, José María López Rancaño, que avanza que contan coa participación de 15 produtores na cita co manxar verde por excelencia, recoñecido coa IXP Grelo de Galicia.

"O noso obxectivo é recuperar unha feira que é importante para Abadín e tratar de volver á normalidade", di o rexedor chairego, que indica que o evento gastronómico desenvolverase, como é habitual, no campo da feira de Gontán en varias das naves, que complementarán a oferta de postos con outros situados en espazos abertos.

O que non se organizará este ano aínda será desfile de Entroido, un dos máis recoñecidos na comarca chairega e dos que cita a máis xente. "Ao ser no pavillón, nun espazo pechado e un evento que reúne a tanta xente, decidimos non organizalo este ano e esperar ao que vén", di Rancaño.

Haberá tres premios para as cestas mellor decoradas

Expogrelo arrincará ás 9.30 horas coa asignación das casetas e a numeración das cestas de grelos e media hora máis tarde será a apertura oficial do recinto feiral. Por unha banda estarán os produtores de grelos, por outro os postos de artesanía e noutra nave instalarase a degustación dos grelos e o tradicional cocido, que arrincará a partir das 12.30 horas.

"Tamén virá o posto do polbo, porque haberá feira normal fóra", confirma o rexedor de Abadín, que recorda que o programa deste ano mantén outro dos grandes clásicos, o concurso de cestas.

O certame repartirá tres premios, de 50 euros, 30 e 20, respectivamente, entre as cestas mellor decoradas —os galardóns repartiranse a partir das 14.00 horas—. Pero a maiores, todos os produtores que asistan á feira recibirán "un agarimo" de 50 euros para recoñecer o seu traballo e agradecer a súa participación no evento.

A plataforma de venda online reactivarase pronto 
A plataforma de venda online de grelos, que puxo en marcha o Concello o ano pasado a través da páxina web www.expogrelo.com, reactivarase o día da feira ou un par de días antes, segundo confirma o rexedor de Abadín, que indica que seguirá funcionando da mesma forma. O comprador poderá seleccionar o produtor que queira ao acceder á web para encargar os grelos. 

Máis de 4.000 caixas 
"O ano pasado vendéronse moi ben e os grelos de Abadín foron para toda España", confirma López Rancaño, que fala de envíos a Andalucía, a Cataluña, a Madrid ou ao País Vasco. "Enviábanse todas as semanas, os martes e os xoves, unha media de 350 caixas", di o rexedor de Abadín. En cada caixa van entre tres e catro feixes de grelos, cada un dun quilo aproximadamente, e comercialízanse a dous euros cada un. 

Envíos nunhas horas 
O Concello encárgase do envío, de pagar os portes e as embalaxes. "Os produtores tráenos á nave de Gontán ao mediodía, vén a empresa de transporte e á mañá seguinte xa están en destino", di o alcalde.

Comentarios