Almudena Pita: "Hai ao redor de 15.000 exemplares, algúns únicos"

A biblioteca municipal de Castro de Rei, na que se sitúa á fronte Almudena Pita, vén de retomar a súa actividade logo de dous anos pechada

Almudena Pita. M.MANCEBO
photo_camera Almudena Pita. M.MANCEBO

Leva un mes a fronte da biblioteca. Como foi a acollida?
Moi boa. A xente botaba de menos este servizo e, aínda que é difícil comezar case de cero e sen recursos económicos, temos moitos visitantes nestes primeiros días.

Cal é o perfil dos que acoden?
Polas tarde, de 16.30 a 19.30 horas, a gran maioría son cativos. Veñen facer consultas en internet e tamén levan libros. Entran e saen, xa que o parque está enfrente e cando se cansan de xogar veñen para aquí. Pero tamén temos público adulto, sobre todo familias que son especialmente lectoras.

Cantos socios tiña a biblioteca antes de pechar? Cantos se sumaron de novo?
Había 433 socios, pero moitos aínda non viñeron por aquí. Supoño que non avisaron da súa baixa ou sinxelamente non se enteraron aínda da reapertura. Neste primeiro mes temos xa 15 novos socios. Facémolos por entidades familiares, non de xeito individual. É máis cómodo, porque unha nai pode levar para ela e para os nenos, e máis económico, xa que o Concello ten que pagar por cada préstamo que se realiza.

Un dos primeiros pasos que deu foi crear unha conta de Facebook da biblioteca. Se non se estás en internet, non existes? É un bo xeito de captar socios?
Xustamente. A rede de bibliotecas anima a ter presenza nas redes sociais, non só para dar publicidade das actividades que organizamos, senón tamén para que os usuarios saiban que poden contar coa biblioteca. Pero sobre todo, é un recurso moi bo á hora da difusión. Dende que cheguei aquí percibín que hai problemas para que as comunicacións cheguen aos veciños, e este foi o mellor xeito que atopei para melloralo. A biblioteca Crecente Vega ten tamén conta de Instagram.

Con cantos volumes conta actualmente a biblioteca?
Moitísimos. Hai ao redor de 15.000. O primeiro que fixen foi facer unha selección e os máis vellos, uns 5.000, paseinos ao depósito. Dos 10.000 restantes uns 4.000 son infantís. De feito, neste sentido, hai moitos que son únicos. Só existe un exemplar no catálogo da rede de bibliotecas, e está aquí.

"Dado que o 99% dos usuarios son galegofalantes, pensei que era bo traer eses libros ás estanterías principais"

Hai un bo fondo de exemplares en galego?
Esta é outra das cousas que modifiquei. Haino, pero estaban colocados dun xeito que non me satisfacía. Non hai unha lei que indique que os de galego teñan que estar xuntos ou separados dos de castelán; incluso na maior parte das bibliotecas que coñezo están como estaban aquí. Pero dado que o 99% dos usuarios son galegofalantes, penso que teño que traelos cara ás estanterías principa

Cada canto tempo van renovar o catálogo?
Témolo complicado porque non temos recursos. Ademais, ao levar dous anos pechada, tampouco podemos acceder ás subvencións da Xunta ata o ano 2020.

Cales son os títulos máis solicitados?
A novela é o que máis triunfa entre os adultos. ‘El tiempo entre costuras’, de María Dueñas; ‘En el país de la nube blanca’, de Sarah Lark, e outras autoras como Julia Navarro ou Isabel Allende. Case todas mulleres.

E os nenos, por que se decantan?
Funcionan moi ben as coleccións de Árbore Galaxia e Kalandraka.

Cara ao público infantil dirixiu a primeira actividade, un contacontos. Como resultou?
Moi ben. Acudiron 24 nenos e 15 adultos. Moitos aproveitaron para facer consultas e outros para facerse socios.

Continuará con estas iniciativas?
É o propósito, organizar polo menos unha actividade ao mes. Ademais de contacontos, gustaríame promover obradoiros de manualidades con material reciclado. Non podemos gastar, así que buscaremos os recursos que teñamos ao noso alcance. E farémolo en consonancia coas actividades que se promovan no colexio, que tamén ten unha biblioteca que funciona moi ben.

"Deille prioridade á biblioteca, pero o obxectivo é poñer o arquivo municipal segundo a normativa vixente"

Ademais do servizo de préstamo de libros e das actividades para os máis pequenos, teñen tamén ordenadores con internet.
Si, ten moita afluencia de xente, porque hai moitas familias que non teñen wifi na casa, porque lles sae moi caro na zona rural. Empezamos con tres, e xa temos cinco ordenadores operativos.

Pensa en promover algunha iniciativa neste sentido?
Si, gustaríame poder impartir algún curso de internet a maiores, para que coñezan a súa utilidade á hora de facer xestións, pedir cita para o médico... E, quizais, facer un club de lectura virtual, xa que o presencial é inviable polo momento.

Outra das súas funcións e xestionar o arquivo municipal. En que punto se atopa?
De momento non avancei nada, deille prioridade á biblioteca. Pero o obxectivo é poder poñelo segundo a normativa vixente. Hai traballo por diante.

"Gústame a historia e facer rutas de sendeirismo"
Ten algún vínculo coa Terra Chá?
Non. Eu nacín en Ferrol, pero sitúome a medio camiño entre esa cidade e a localidade de Valdoviño.
Entón, por que decidiu presentarse á praza da biblioteca de Castro de Rei?
Principalmente porque me gusta este traballo e porque buscaba certa estabilidade que a miña profesión non me daba.
Que estudou?
Son enxeñeira técnica industrial. Traballei bastante tempo disto, pero o problema é que se cobra pouco ou tes que marchar fóra. E necesitaba ter un traballo no que poder decidir cando durmir na casa.
Tiña experiencia no sector?
Si, traballei na Biblioteca Nacional en Madrid, pero escapei da capital. Tamén fixen unha beca na biblioteca pública de Lugo e estiven en Xixón, que é unha rede fantástica, e na de Miño.
Sempre rodeada de libros, con cal se quedaría?
'Flores para Algernon', de Daniel Keyes. Témolos na biblioteca, por se alguén o quere ler.
Ademais da lectura, que outras afeccións ten?
Gústame a historia e facer rutas de sendeirismo por lugares nos que haxa xacementos. Non camiñar por camiñar. E a música heavy.
Que grupo?
Queensryche.

Comentarios