jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

A vista posta no 24 de maio

Ángel Rábade, José Luis González e Álvaro Díaz. EP
Ángel Rábade, José Luis González e Álvaro Díaz. EP

A pouco menos dun mes para que os arredores da igrexa de Saavedra se ateiguen con fieis á Virxe dos Milagres, a comisión organizadora, formada por Álvaro, Ángel e José Luis, xa ten todo a punto

Poucos quedan sen ir nalgunha ocasión aos Milagres de Saavedra. Andando ou en coche, por devoción ou por pasar o día, o caso é que no mes de maio Saavedra convértese nunha especie de Lourdes ou de Fátima chairega. E moi especialmente o día propio, o 24, "cadre por semana ou por fin de semana", din os encargados de telo todo a punto. 

Detrás dunha gran festa, sempre hai unha boa dose de responsabilidade, da que se fan cargo Álvaro Díaz, Ángel Rábade e José Luis González, tres mozos de Saavedra que perderon a conta das horas que lle adican a preparar esta romaría e a festa que celebra a parroquia no mes de setembro. "Para os Milagres, os días anteriores adicámonos a acondicionar as zonas de aparcadoiro e o propio día, a organizar os vendedores", afirman mentres dan unha cifra que vai entre os 25 e os 30 postos que se poden reunir en Saavedra, na súa maioría cereiros e rosquilleiros. 

Os tres membros da comisión, tamén se encargan de organizar a festa que celebra a parroquia no mes de setembro

Precisamente, figuras de cera e rosquillas compiten en presenza. "Segue manténdose a tradición de levar figuras de cera na procesión para curar doenzas ou con forma de animais", explican ao tempo que recoñecen que continúa sendo unha cita á que "a inmensa maioría" acode camiñando. 

Este ano, na mesma liña cós anteriores, as misas, "coas que se enche a igrexa", serán o día 24 de 7.00 a 13.30 horas e de 18.00 a 21.00 horas sen interrupción; o sábado 25 ás 11.30, 12.30 e 13.30 e, pola tarde, ás 20.30 horas, mentres que o domingo serán dende as 10.30 ata as 13.30 —unha cada hora—. Antes do día grande, a novena esténdese dende o 14 ata o 22, con cerimonias predicadas por Gonzalo Fraga

A novena será dende o día 14 ata o 22 de maio con cerimonias predicadas por Gonzalo Fraga. As misas do día 24 serán de 7.00 a 13.30 e de 18.00 a 21.00 horas

Así mesmo, o cartel da festa estará encabezado por El Combo Dominicano, o día 25, xa que "procuramos traer unha das grandes orquestras" para uns festexos dos que "todos os de Saavedra nos sentimos moi orgullosos", din. O programa complétase coa orquestra Triunfo o venres, con Alianza o sábado e, o domingo, La Hora Bruja. 

Por diante queda estrear un campo da festa renovado, pensar no cartel de setembro e buscar relevo para a comisión, porque "sería unha pena que quedásemos sen patronais", conclúen.

A vista posta no 24 de maio
Comentarios