Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

A Feira do Cabalo de Castro reúne 400 exemplares, a metade en venda

Un dos participantes nas probas federadas. C. PÉREZ
Un dos participantes nas probas federadas. C. PÉREZ

A cita, que congregou numeroso público no mercado gandeiro, incluíu a oitava proba do Campionato Galego de Andadura

A XVI Feira do Cabalo, celebrada este sábado no mercado gandeiro de Castro de Ribeiras de Lea, serviu para constatar o bo estado de forma do sector equino, logrando reunir a uns 400 exemplares ecuestres, ao redor da metade deles destinados á compravenda.

O Concello de Castro de Rei promove esta cita co obxectivo de que sexa punto de encontro de tratantes e afeccionados ao mundo equino, tal e como recordou o edil Roberto Lorenzo, que fixo  un balance positivo dunha feira á alza. Destacou a notable afluencia de público e a materialización de diversas transaccións, aínda que estas non foron o punto forte da xornada.

Si triunfaron as probas de andaina, que se disputaron tanto pola mañá, para xinetes federados, como pola tarde, de acceso libre. O concurso matutino foi a oitava proba puntuable do XXI Campionato Galego de Andaina —a novena e última será o día 15 en Mandiá (Ferrol)—, promovido pola Federacion Hípica Galega.

Entre as catro modalidades en xogo, a competición sumou uns 40 participantes, que debían percorrer no menor tempo posible o circuíto marcado, se é posible sen penalizacións.  

Andrés Carballos impúxose en Serrada de menos de 1,50, seguido de Kevin López e do local José Luís Fórneas. En máis de 1,50, a vitoria foi para Jaime Carro con Mauro, mentres que o mesmo xinete, montando a Gobernada, tamén lograba o terceiro posto. O podio completouno Darío Casas.

En canto á competición de Chapeada, en menos de 1,50, Jaime Carro facíase coa segunda vitoria do día e tras el clasificáronse Adrián Casas e Ignacio Romeu. En máis de 1,50, o mellor tempo marcouno José Tojeiro, seguido de Miguel López e de Javier Gómez.

Nas probas libres vespertinas tomaron parte máis dunha trintena de monturas. Jesús Freire, de Oza, dominou na modalidade de Serrada e Marcos Maceda, de Muimenta, fixo o propio en Chapeada.
 

A Feira do Cabalo de Castro reúne 400 exemplares, a metade en venda
Comentarios