A 38º Moexmu despídese con éxito de visitantes e de participantes

O alcalde de Cospeito destacou que os concursos de gando bateron "todos os récords" e a feira brillou como nunca
Alejandra, Helena e Xoel, con Luna, en Moexmu. C. PÉREZ
photo_camera Alejandra, Helena e Xoel, con Luna, en Moexmu. C. PÉREZ

A 38ª edición da Moexmu pechou este domingo as súas portas cun balance moi positivo e éxito de visitantes e participantes, con máis de 160 cabezas de gando procedentes de ganderías de toda Galicia. "A Moexmu brillou este ano en todo o seu esplendor e os concursos de gando bateron todos os récords. Podemos dicir que foi una edición de auténtico luxo", resaltou Armando Castosa, alcalde de Cospeito.

A tradicional entrega de premios de todos os certames e mostras serviu para clausurar oficialmente a feria a primeira hora da tarde, aínda que a actividade no recinto feiral Manuel Vila se prolongou ata a noite. Ademais dos propios premios das seccións do concurso de gando —Alberto Iglesia, de Rey de Miñotelo, foi designado polo xuiz Henrique Moniz como o mellor manexador dos que pasearon os animais—, representantes das 24 ganderías participantes —23 de frisoa e unha de raza rubia galega— recolleron agasallos outorgados por Abanca, Sabadell, De Heus, a comisión organizadora e Fefriga. Ademais, recoñecéronse as fillas de touros de xenética Fontao de varias granxas.

A entrega pechouse co sorteo de dúas xatas cedidas pola Granxa Gayoso Castro, unha entre as granxas presentes, que recaeu na xermadesa A Lagoa de Serabel, e outra entre todas as explotacións do control leiteiro de Africor, que foi para Caxote de Souto, do Corgo.

Neste acto de clausura, ademais do rexedor, a comisión organizadora e numerosos respresentantes dos concellos da volta e de entidades colaboradoras, estiveron presentes Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno; Manuel Sandamil e Fernando Suárez, presidente e vicepresidente de Fefriga; Ana González Abelleira e Roberto Fernández Rico, deputados provinciais ou Miguel Cela, xefe do servizo de Montes da Xunta en Lugo.

Un momento do Monográfico da Raza Can de Palleiro celebrado este domingo na Moexmu. V. BRAN
Un momento do Monográfico da Raza Can de Palleiro celebrado este domingo na Moexmu. V. BRAN

CAN DE PALLEIRO. Pola tarde celebrouse unha nova edición do Monográfico da Raza Can de Palleiro que se vén organizando na cita dende 2018. Unha quincena de cans desfilaron por un recinto, onde as gradas quedaron pequenas para acoller o innumerable público que non se quixo perder o concurso no que Narco, procedente de Carballo, se impuxo como o mellor can do día e tamén logrou o primeiro posto na clase aberta de maiores de 18 meses aptos como reprodutores.

Pola súa banda, na categoría de moi cachorros (de tres a seis meses) venceu Mon de Laracha; en cachorros de seis a nove meses resultou vencedora Reina de Seipa, de Ourol; e na categoría de exemplares novos (nove a 18 meses) venceu Canela do Acivro, de Ames.

A Moexmu pon fin así a unha edición para recordar "na que a pesar das dificultades pola folga de transporte das últimas semanas e a crise que estamos a vivir a xente animouse moito. Mostra diso é que a última hora da tarde do día aínda quedaban no feiral moitos visitantes. Podemos dicir que o balance é moi positivo e que estamos moi satisfeitos tanto na afluencia de visitantes como de participantes", valoraba José Manuel Rus, coordinador da feira, xa coa vista posta no 1 de maio, día da celebración da Festa da Filloa.

Un momento do Monográfico da Raza Can de Palleiro celebrado onte na Moexmu.
Aida Moll, mellor manexadora, con Manuel Sandamil. C.PÉREZ

 

Xoves Gandeiros ► Concurso de manexadores 
O concurso de manexadores promovido polo Club de Xoves Gandeiros e xulgado por Henrique Moniz contou con 26 participantes. 

Ata nove anos 
Houbo agasallos para Xoel, Sofía, Martina, Diego, Alejandra, Claudia, Samuel, Hugo, Naiara, Mateo e Saínza. 

De 10 a 15 anos 
Xabier Montes, Claudia López e Iker García subiron ao podio. 

De 16 a 20 anos 
Anxo Pérez e Juan García escoltaron no podio a Aida Moll, que foi ademais a mellor manexadora de todo o certame. 

Ata 30 anos 
Impúxose David Pons, seguido de Abel Carballo e de Lorena Rodríguez, quen o vernes era nomeada mellor preparadora no certame de Fefriga.

Comentarios