Uns 200 vehículos pesados percorrerán As Pontes o 26 na Festa do Camioneiro

A cita, que incorpora este ano postos de venda, prolongarase ao domingo con charlas sobre amarres de mercancía e nova lexislación

Algo máis de 200 vehículos pesados tomarán as rúas das Pontes este sábado, día 26, para celebrar unha nova edición da Festa do Camioneiro, unha cita que pretende unir a un sector que soporta centos de empregos na localidade, entre os camións do carbón e os de mercancías de moitas empresas.

A cita, que xa cumpre 18 edicións, incorpora este ano novidades, como os postos de venda de recambios e rodas, que se situarán nunha carpa no centro da localidade. Ademais, as celebracións prolongaranse ao domingo, xa que se manterán os postos de venda e organizaranse varias charlas sobre o mundo do transporte na Casa Dopeso. Serán pola mañá e centraranse en temas como os amarres de mercancía ou a nova lexislación do tacógrafo.

"Virán camións das Pontes, Vilalba, Ferrol, Ortigueira, Moeche, Pontedeume ou A Coruña, do carbón e de estrada, e todos os que se acheguen serán benvidos", enumera Manuel Bouza, Cholo, presidente da Asociación de Transportistas do Carbón, promotora da cita en colaboración co Concello.

A pesar de que este ano haberá actividades durante dúas xornadas, o día grande será o sábado. Os camións concentraranse no barrio da Casilla a partir das 9.00 horas e ás 10.00 iniciarán o seu percorrido polas principais rúas do centro urbano.

Ás 13.00 horas está prevista a misa na Praza de América, na que se recordará a algún compañeiro falecido, e despois celebrarase unha sesión vermú e unha multitudinaria comida no patio do colexio Santa María. Xa hai inscritas máis de 500 persoas.

"Na comida faranse sorteos de agasallos e unha pequena homenaxe a catro compañeiros que se xubilarán este ano", di Cholo, que indica que estará o presidente de Fegatramer, o colectivo que engloba a todas as asociacións de transportistas de Galicia.

Pola tarde, os actos continuarán con exhibición de coches de rallye e de karts no Canal IV, onde tamén haberá triciclos para nenos. Ao longo de todo o día haberá exposición de vehículos antigos e photocall e pola noite está prevista unha gran verbena.

"Os camioneiros son uns dos motores máis importantes da nosa economía, trátase dun sector estreitamente vinculado á nosa vila, os camións forman parte da nosa paisaxe e esta celebración é unha homenaxe a un colectivo vital", indica a edil de emprego das Pontes, Ana Pena.

Comentarios