Tráfico rexistrou nove avisos este ano por kamikazes nas autovías de Lugo

Recibe a alta a menor vilalbesa ferida no accidente de Coirós, mentres o seu pai continúa ingresado na Uci do Chuac

Accidente en la A-6. EP
photo_camera Accidente na A-6. EP

A Subdelagación do Goberno en Lugo confirmou que, no que vai de ano, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil recibiu un total de nove avisos por outros tantos condutores que circulaban en sentido contrario nas estradas da provincia lucense.

Destes, confirman que puideron avistar e localizar a catro. Precisan ademais que, aínda que popularmente se lles identifique como kamikazes, os condutores que cometen esta grave infracción non adoitan facelo intencionadamente, senón que o habitual é que sexan persoas que se desorientan e cometen un erro ao acceder á autovía ou de xente que se pon tras o volante a pesar de estar baixo os efectos do alcol ou dalgunha sustancia estupefaciente.

O número de alertas ao mes sitúase aproximadamente en 1,5, segundo apuntan desde a Xefatura de Tráfico de Lugo, precisando ademais que nesta estimación tamén se inclúen as posibles falsas alarmas. Desde Tráfico tamén concretan que, aínda que este tipo de sucesos ocorre en diversas vías, é a A-8 a que rexistra un maior número de incidentes por vehículos detectados circulando en sentido contrario.

O alto número de contratempos deste tipo reduciuse desde 2016, ano no que Tráfico contabilizou un total de 27 casos de condutores circulando en sentido contrario nas estradas de Lugo, unha cifra que creou alarma social e levou a tomar medidas en busca dunha mellora da seguridade viaria.

Os responsables do subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo revisaron entón todos os casos dos que se tiña constancia para detectar as causas e achar solucións, e foi así como constataron que a maior parte dos kamikazes non eran tal, senón condutores descoidados.

Ante esta circunstancia, resultou clave o reforzo da sinalización nos accesos ás autovías. Presentóuselle unha solicitude ao Ministerio de Fomento, que instalou paneis de dirección prohibida nos carrís de saída, ademais de colocar máis dun milleiro de balizas naqueles accesos nos que entrada e saída están xuntas. Tamén se pintaron frechas no pavimento indicando o sentido da circulación.

Con todo, a reiteración de casos nos últimos días, un deles na noite do sábado na A-6 ao seu paso por Coirós, con consecuencias tráxicas ao morrer o condutor infractor e resultar feridos unha parella de Vilalba e os seus dous fillos, volveu pór sobre a mesa a necesidade de incrementar as medidas de seguridade para evitar incorporacións erróneas.

EVOLUCIÓN. A pequena vilalbesa de catro anos, que permanecía ingresada no Materno Infantil da Coruña desde a noite do sábado, recibía este martes a alta, sumándose así á súa nai e o seu irmán mellizo, que deixaron o hospital horas despois do sinistro.

Foi un alivio para a súa familia, aínda que "falta outra parte moi importante", tal e como precisaba este martes Iria, a súa nai, moi preocupada pola evolución do seu marido, que era operado das feridas nunha perna e unha man e que continúa ingresado na Uci do Chuac da Coruña.

Comentarios