martes. 27.07.2021 |
El tiempo
martes. 27.07.2021
El tiempo

166 quilómetros cadrados de exposición

Antiga reitoral de Santa María de Xermade. C.PÉREZ
De esquerda a dereita, foxo do lobo de Momán, unha antiga máquina de picar o toxo e medoña de Teixido de Baixo, en Lousada, que chegou a escavar Fermín Bouza-Brey.
A asociación Roteiros da Carba impulsa un proxecto para pór en valor todos os elementos visitables nas dez parroquias de Xermade
É só unha ilusión polo momento, un anteproxecto escrito nun papel, pero a asociación Roteiros da Carba non perde a esperanza de velo feito realidade. A entidade aposta por converter os 166,27 quilómetros cadrados que ten de superficie Xermade nunha gran sala de exposicións, coa antiga reitoral da capitalidade municipal, para a que existe o proxecto de habilitar nela un museo etnográfico, como referente.

"Xermade ten moitas cousas e non todas se poden levar a un edificio, hai dez parroquias e todas teñen algo que ensinar, que ver, do que aprender", explica o presidente de Roteiros da Carba, Antonio Riveira, un namorado da historia que quere pór en valor e conservar a riqueza etnográfica e patrimonial do municipio.

Por iso, a súa idea é, e así lla presentou ao Concello nunha inciativa que obtivo unha das axudas municipais destinadas ás asociacións, continuar co proxecto de transformar a reitoral xermadesa, cedida pola diocese ao Concello por un período de 25 anos, nun museo etnográfico. A súa rehabilitación xa comezaba hai uns anos e está avanzada, aínda que serían necesarios novos investimentos, por exemplo para o cambio de portas e ventás, para poñer o inmoble a punto e que así puidese comezar a albergar material.

"Hai moitos elementos gardados nas casas que a xente acaba tirando ou que están esquecidos en vivendas abanadonadas, polo que se están deteriorando, e iso é o que habería que evitar, porque se se perden eses elementos estase perdendo o coñecemento de como se facían antes as cousas, pasa día a día e desaparece a pasos axigantados", lamenta Riveira, que ve "urxente" iniciar a recollida de moitas ferramentas en desuso relacionadas cos oficios, máquinas coma as de picar o toxo, carros ou mesmo de útiles de cociña.

Cre que non habería problemas para lograr a súa cesión, "antes de que a xente se desfaga deles", e que todos servirían para darlle forma e enriquecer o museo etnográfico de Xermade. E así, manteríase viva a historia do municipio.

E este sería só un primeiro paso, pois a idea de Roteiros da Carba vai máis alá, xa que a riqueza etnográfica e patrimonial de Xermade non comeza nin remata no que se garda nos faiados, senón que está en cada recuncho do territorio.

"A reitoral é idónea para ser un punto de referencia que nos leve ao resto dos lugares de interese do municipio", precisa Riveira. E apunta que nesta se podería atopar a información básica, a chamada de atención, que mesmo podería ser algunha peza relacionada co elemento en cuestión–pon como exemplo unha corda das que se usaban antigamente para cazar lobos, que aínda se conserva–, para despois desprazarse a ver, in situ, aquilo que esperte o interese do visitante. E onde escoller, hai.

"Ao batán de Folgoso hai que ir", asegura, falando dun dos elementos da parroquia de Lousada que xa se recuperou e polo que pasa un roteiro de sendeirismo que atravesa lugares e paisaxes que non deixan a ninguén indiferente. E non é o único sitio con atractivo. A neveira, na mesma parroquia, que leva sendo obxecto de escavacións e investigacións varios anos, é outro punto de visita imprescindible, igual que o serían a escola habaneira de Roupar, o cemiterio vello de Xermade, as árbores senlleiras, os cruceiros, a casa da bandoleira Pepa a Loba, as mámoas e os castros ou os foxos do lobo, quizais uns dos elementos máis descoñecidos e curiosos.

"Hai un en Lousada, onde conducían o lobo por unha especie de corredoira, para poder atrapalo, e outro modelo en Momán, onde escondían un cabrito e, cando os lobos trataban de collelo, caían no furado que estaba disimulado", apunta Riveira, quen asegura que lle encataría poder chegar a escavar o lugar do foxo de Momán.

A idea está aí, pero os seus promotores son conscientes de que necesita un impulso e que a asociación Roteiros da Carba non ten a capacidade para levar a cabo unha actuación desta envergadura en solitario. "Habería que redactar un proxecto con todas estas ideas, recollendo as actuacións necesarias e facer un orzamento", di Riveira, que precisa que sería necesario que se involucrase o Concello de Xermade e tamén dispoñer do apoio económico doutras administracións.

166 quilómetros cadrados de exposición
comentarios