Torta de Millo: "A fama tena e sabe moi rica"

Decenas de persoas achegáronse a Guitiriz para degustar un das sobremesas con máis tirón e máis fama, a Torta de Millo  Susana Seivane pechou a festa cun concerto

A diferenza varía nun miligramo de cada receita. Cada unha ten o seu segredo e aínda que os padais máis expertos aseguran que poderían distinguilas nunha cata a cegas, a base é a mesma —manteiga, azucre, ovo e fariña de millo— e o sabor, "sempre exquisito". As panaderías A Esquina, David e Gómez sacaron o domingo do forno á rúa varias decenas de Tortas de Millo para celebrar unha nova festa en honra á sobremesa con máis fama e tradición de Guitiriz, e non houbo boca que se resistise.

Unha exposición de coches clásicos abriu unha xornada chea de sabor que incluíu praceres para todos os sentidos. Os ollos viaxaron no tempo cos antigos vehículos e as mans inocentes dos máis pequenos exploraron en talleres de artesanía os segredos da cerámica, a cestería, o tear ou a cantería. Houbo música con Os Trastiños do Castelo e os grupos municipais de Guitiriz durante o día e Susana Seivane puxo o broche de ouro á festa pola noite. Todo enmarcado baixo o mesmo cheiro, doce e suave, que conducía os pés dos asistentes na mesma dirección. Cara ao Campo da Feira.

¿Pero cal é é secreto da Torta de Millo? "A receita que temos e utilizar produtos de calidade. É unha sobremesa que á xente gústalle moito e hai moi poucos con base de millo, quizais por iso funciona. O que o proba apréciao", indicaba Juan José Vázquez, da panadería A Esquina, mentres ofrecía bocados doces aos que se achegaban á mesa dos manxares, onde dous voluntarios ofrecían tamén as receitas de David e de Gómez.

A maioría, coñecedores xa da torta, relambíanse unha vez máis ao metela na boca. Outros, case mestres, indicaban as diferenzas entre as tres. E algún novato no sabor —unha minoría—, deixábase levar pola primeira vez.

"Non hai que desprezar ningunha que todas están boas", dicía unha muller, mentres dous nenos comíanse o seu anaco case dun bocado. "É o noso mellor embaixador, vaias onde vaias, falan da Torta de Millo. Aquí non se lle da tanta importancia, pero unha cuñada lévalla e conxélaa para comela todo o ano", dicía outra.

"A fama tena e sabe moi rica", apreciaba un veciño de Meira, mentres unha de Trasparga aseguraba que "cando unha cousa che gusta non tes que buscar ningún motivo especial para comela. Nós collémola cando se nos acorda", dixo.

Así, para o almorzo, a merenda, co café ou con queixo, todo maridaxe é posible. Tan amplo como a lista de propiedades, que destacou Fidel Fernán nun pregón reivindicativo no que falou sobre a necesidade de matar "a fame" e "darlle unha volta ao mundo do millo ate que poñamos en xustiza o millo no mundo"

Comentarios