Os zocos, un clásico renovado que triunfa

 Os zoqueiros foron a menos, pero os que quedan souberon adaptarse aos novos tempos para que os zocos pisen con forza polas rúas durante todo o ano e non queden como peza residual para as tarefas agrarias, o seu uso tradicional.
Álvaro Álvarez amosa distintos zocos na súa zapatería de Burela.JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Álvaro Álvarez amosa distintos zocos na súa zapatería de Burela.JOSÉ Mª ÁLVEZ

O zoco é un calzado que se puxo de moda nos últimos anos, logo da súa modernización e despois de anos de desprezo ao vencellalos ao mundo rural e aos traballos na terra. O auxe actual empezou polo uso dos tradicionais para o baile, segundo o zapateiro Álvaro Álvarez Rego, asentado en Burela, quen explica que "están feitos con madeiras e pel daquí, pesan un pouco máis e teñen as solas rectas". Un par dos tradicionais poderían acadar o quilo, os modernos son máis lixeiros.

Seguíulle a moda dos de rúa, feitos con madeiras foráneas e volteadas para axudar a andar. "Veñen cun pouco de tacón e máis colorido, cando os tradicionais para bailar teñen que ser negros ou marróns. Hai xente que quere que a madeira se vexa e outra que a prefire tapada. Para os tradicionais utilízanse madeiras de bidueira ou salgueiro, as mesmas que usaban para facer as zocas, porque son brandas e traballanse mellor. As de fóra pesan pouquiño e teñen formas diferentes, o zoco vén forrado por dentro".

Álvaro Álvarez: "Antes utilizabanos os mariñeiros para traballar no muelle"
A xente contoulle a Álvaro que "antes utilizabanos os mariñeiros para traballar no muelle, tamén se usaban nas minas e na terra". Agora en Galicia hai dúas creadoras, Zocalus e Eferro, que os puxeron de moda para levar a cotío e fanos por encarga ao gusto de cada un: "En cidades como Santiago, A Coruña ou Vigo é doado atopar xente que os pón polo inverno, e nesta zona empézanse a ver".

O zapateiro comenta que "non é o mesmo usar un zoco que un zapato, que é máis flexible, isto é ríxido. Por iso teñen esas formas para que axuden a andar e sexan cómodos. O bo é que neles nunca tes frío aos pés, vas en contacto coa madeira e a pel, que son quentes. A sola é gorda e non vai pegada ao chan, ademais a madeira aisla. Por debaixo levan tapas de goma, para que non fagan tanto ruido e para que a madeira non se estropee", explica.

Álvaro comenta que lle sorprendeu a visita dun home maior —70 anos—, de A Rigueira, que levou uns en azul e gris, "porque di que ten moito frío aos pés e acórdase de usalos antes e de que eran quentes, queríaos para andar arredor da casa sen ter que cambiar de calzado, pois as botas de goma son frías, porque aos zocos meteslles uns calcetins de lá e tes sempre o pé quentiño".

A proximidade da Festa da Primavera de Ferreira abre a época de maiores vendas na Mariña, aínda que se mercan todo o ano

Os zocos non son exclusivos de xente maior, pois os nenos tamén os usan, sobre todo para o baile. Son típicos na Festa de Primavera de Ferreira, onde tamén empregan zocas e traxes da época. "A miña idea de traelos foi porque antes estiven en Ferreira, aquela festa demandao, moitos queren os zocos, porque é máis cómodo ca levar unha zoca, que para poñer sen zapatilla son moi incómodas. Tes que adaptarte a andar co zoco, porque non é igual cá un zapato que vai dobrando", precisa.

O pé dos nenos medra, polo que pódenlles durar dous anos: "Se non están mal reembólsolles uns cartos, levan un número máis e eses preparoos para vender a un prezo máis baixo, para que haxa outros nenos que os podan coller. Na asociación de baile, levánllelos un pouco grandes para que lles duren dous anos".

O zapateiro burelés constata que á xente gústanlle, pero algunhas persoas non se atreven a probalos. Él ten sempre números, do 36 ao 41, para que vexan se se adaptan con él. O zoco require os coidados usuais de calquera pel: "Pódenselles botar renovadores de cor, pero a maioría da xente ponlles graxa de cabalo". As cores varían dunha tintada a outra. A longa duración é outra vantaxe. "Acábase antes a madeira có zoco".

"Todo depende do traballo que leve", indica Álvaro, quen indica que "hainos moi orixinais"

Todos veñen cravados con puntas ou grapas, éstas últimas aos dous anos oxidan e hai que repoñelas. "Pódese arranxar todo, agás que unha madeira se estropee ou apolille", explica. Os cambios de temperatura tamén inflúen na conservación.

O zoco tradiconal ten tacón cadrado, que é o que se usa para baile, pero os modernos de muller veñen con tacón alto, mentras os de home son coma os de sempre.  Outra curiosidade é que veñen por números: "Miden a lonxitude do pé, hai que poñer unha regra e pousar o pé encima para saber se vai quedar ben".

A proximidade da Festa da Primavera de Ferreira abre a época de maiores vendas na Mariña, aínda que se mercan todo o ano. O prezo varía dende os 55 euros dun básico en cor natural —marrón— ou 70 do moderno na mesma cor. Con tacón pasan a 100, os que misturan peles están nos 130 e as sandalias custan 80. "Todo depende do traballo que leve", indica Álvaro, quen indica que "hainos moi orixinais". A última invención consistiu en poñerlles bisagras para que sexan máis flexibles na base do pé.

Alma Rego: "Son comodísimos, los he usado mucho, tienen una forma muy anatómica"
O bar Pulgas de San Cibrao sortea de xeito ocasional algún par. Hai xente que vai só a ver se lle tocan, algo que lle aconteceu a Alma Rego Ferro, de Covas, que tiña gana duns, aínda que nunca os usara. "Los vi y dije: tengo que ir, ya me los puse en el momento, me hizo tanta ilusión". Ademais coincidiu que eran do seu número. "Son comodísimos, los he usado mucho, tienen una forma muy anatómica, aunque pensaba que no sería así", pero agora tamén destaca que "son muy calentitos, muy chulos".

Alma quere outros para o verán: "Los pongo con vaqueros, con vestido, cuando me arreglo, me gusta lucirlos y todo el mundo me pregunta si son cómodos". Destaca a recuperación das raíces de Galicia dun xeito moderno: "Creo que su renovación tiene mucho mérito. Es una pieza de toda la vida que se usaba hace tanto tiempo y que ahora se puede compaginar con ropa supermoderna. Le recomiendo a todo el mundo que los compre, son prácticos, hay que consumir producto gallego".

Mar Hermida: "Paréceme xenial que se adapten ao que lles pide a xente"
Por outra banda, o instituto de Cambre leva a cabo un proxecto titulado ‘21 días co galego e +’, no que participa a coordinadora de dinamización lingüística Mar Hermida Pico, de Roupar, quen explica que coñecía ao viveirés José Manuel Chaves, Pupo, polo que se lle ocurriu pedirlle prestados os zocos xigantes que él mercou a Eferro para que a xente se fixese fotos con eles na cadeira xigante co obxectivo de recadar fondos para facer un monumento de homenaxe aos mariñeiros de Covas. Prestoulle ámbalas dúas cousas e fixeron un photocall no centro, que foi todo un éxito. Agora queren falar con Elena Ferro para que lles explique como se lle ocorrreu renovalos.

Mar recoñece que nunca se atrevera a mercalos ata que lle tocaron nun dos sorteos organizados por Pupo, aínda que usaba os tradicionais de baile, pero ao tocarlle mercou outros clásicos e agora xa vai polo terceiro par, con pelo. "Estou encantada, poñoos moito, a raíz diso compráronos varias compañeiras. Tamén teño os de verán. É un orgullo contar cunha empresa que soubo renovar un artigo tradicional para que poda gustarlle a calquera persoa.Unha maratón non podes facela con eles, pero no IES ando moito,  levoos alomenos un día á semana. Tamén os poño para saír, estiven a piques de levalos a unha voda, pero non me encaixaban co vestido e non sabía que podía encargalos para conxuntalos. Ademais paréceme xenial que os adapten ao que lles pide a xente".

Ángeles Vizoso Goás: "Hai que estar acostumados, porque pesan máis e costa afacerse"
Ángeles Vizoso Goás, presidenta da agrupación Amado Lar, de Ferreira, indica que "cando imos de faena, de cotío, para unha actuación de campo nunha festa levamos zocos, pechados e con sola de madeira, aínda que na Festa da Primavera tamén bailamos con zocas, tanto o día do pregón como despois na praza. Poñemos calcetín de lá para que non se mova, o pé ten que ir ben encaixado". Os homes levan o zoco marrón e as mulleres en cor negra. Cada vez son máis os asistentes que locen vestidos tradicionais "para meterse máis na festa".

A tradición dos zocos "non se perdeu nunca nesta zona, pero leva uns anos que se puxo de moda poñelos para saír, aínda que penso que pouca xente os usa a diario. No inverno é un calzado quente, que aisla moito". Este calzado tamén ganou seguidores entre as agrupacións de baile, pois moitos grupos que estaban en mínimos xuntaron xente nos últimos anos. "Hai que estar acostumados a eles, porque pesan máis, aínda que agora as madeiras son lixeiradas, non é como poñer unhas deportivas, costa afacerse, aínda que é unha peza bonita".

Elena Ferro: "O máis importante é adaptar a madeira tradicional para que sexan cómodos"
A zoqueira artesá Elena Ferro recoñece que levaba anos intentando cambiar o zoco tradicional para adaptalo, sobre todo a madeira, a pegada. "Dende 1995 fun facendo cambios ata que en 2010 empezou a encaixar todo, as madeiras asentaban ben, empezamos a usar peles con pelo, estampados animais; daquela era novidoso. Non foi dun día para outro", conta.

No seu taller empregan as madeiras tradicionais: bidueiro e amieiro, a primeira para os modelos de sempre, e a segunda para os de cores, "porque é máis lixeiro, agora búscase máis a comodidade, lixeireza e resistencia. Antes só había zocos, agora temos varios pares de zapatos".

Elena recorda que de nena usabaos, pero "a bota de goma fixo moito dano, a xente tiña catarros, cando nos zocos os pés están sans. A xente empezou a deixar de usalos e tamén desapareceron os zoqueiros, na comarca do Deza pasou de haber 12 ou 15 nas feiras a quedar nós sós", subliña.

Eferro ten uns modelos en stock, pero "a xente escolle cores, iso é un plus, fainos máis exclusivos, case a metade dos que vendemos son personalizados, o que ralentiza o traballo, pero tamén grazas a iso demándanos máis".

O 75% dos compradores de zocos son mulleres, a maioría cunha idade comprendida entre os 27 e os 55 anos. Entre o 25% restantes hai homes e nenos. Tamén seguen facendo os tradicionais, pois queda xente no campo que os usa, e para grupos de baile, pero "pasaron diante os de cores".

A artesá de Merza, en Vila de Cruces, conta que seu avó era zoqueiro. "Crieime no taller, a finais dos anos 1970 empezáronse a deixar de usar, aí empezamos a facer tamén marroquinería, o negocio sobreviviu grazas a iso. Logo empecei a facer cambios no zoco tradicional, sen éxito ata 2010. Penso que o máis importante é adaptar a madeira tradicional á que usamos agora, ademais de ser bonitos, o máis importante é que sexan cómodos", subliña.

Elena explica que o terreo sobre o que andamos tamén mudou. "Agora pisamos terreo duro, polo que había que cambiar a forma, darlle máis inclinación, que os zocos fosen flexibles, por iso levan unha goma no medio. Levounos uns anos facelo así para garantir que non pasase a auga", sinala.

No taller de Eferro fan a sola orixinal sobre a que encargan os exemplares que necesitan. A promoción a través da súa web e redes sociais incrementoulles moitos as vendas online: "Hai pedidos de calquera parte do mundo, o que limita é o envío, porque algún costa o mesmo que facelos zocos, pero cada vez hai máis interese".

Comentarios