Xurxo Souto: "O que máis me gusta do proceso da escrita son as presentacións, é onde aprendes"

O polifacético artista e a súa última obra literaria, ‘Pangalaica’, serán hoxe sábado, ás 20.00 horas, os protagonistas da xeira de presentacións da iniciativa virtual #DoTrinque, que organizan o colectivo Nova Poesía Guitirica e a asociación Lareira dos Soños a través das redes sociais para ofrecer alternativas culturais neste momento de restricións
Xurxo Souto. ARCHIVO
photo_camera Xurxo Souto. EP

Que o levou a unirse a esta iniciativa e que lle parece a idea?

Foi un convite que me fixeron dende a organización e a iniciativa paréceme marabillosa, somos un pobo de artistas. É fermoso que se artellen estes puntos de encontro e que sexa desde a aldea.

Será un acto virtual, a través das pantallas, bota de menos as presentacións presenciais?

Por suposto, porque este libro conta historias de toda Galicia e a min o que máis de gusta do proceso da escrita son as presentacións, procuro facer as máximas posibles, porque é onde aprendes e compartes historias. É onde lanzas a mensaxe para que chegue a distintas persoas e a de hoxe será outra forma marabillosa de facer o mesmo.

Que é Pangalaica?

Non vén de pandemia, senón da palabra grega que significa todo, é toda Galicia. Son crónicas das miñas vivencias por todo o país nos últimos 30 anos. Son viaxes como músico, non como turista, que ofrecen unha visión alternativa aos grandes tópicos, con humor e cunha mensaxe de optimismo, necesaria nestes tempos de tristura. O futuro está no talento das persoas que viven en lugares pequenos e non saen nos medios.

Hai material para unha segunda parte?

Para unha segunda e para unha terceira, pero hai que poñer límites. A min o que me gusta é andar polo mundo, coas miñas historias e as miñas cancións e aprender máis historias e máis cancións. Como dicía o grande mestre Manuel María, aínda teño a esperanza de percorrer todas as aldeas de Galicia.

Comentarios