A Xunta reforza a orientación laboral en 24 concellos lucenses con 924.000 euros

Deste programa tamén se beneficiarán trece entidades sen ánimo de lucro. O proxecto contratará os servizos de 38 técnicos
Francisco Conde. ARCHIVO
photo_camera Francisco Conde, conselleiro de Economía. ARCHIVO

A Consellería de Economía, Emprego e Industria aprobou este martes unha convocatoria de axudas polas que se concede un importe total de 924.000 euros a concellos e entidades sen ánimo de lucro para contratar persoal técnico que desenvolva labores de orientación laboral na provincia lucense. As axudas aprobadas beneficiarán a 24 municipios lugueses e trece entidades, que permitirán realizar un total de 38 contratos.

Esta iniciativa chega a sete municipios da Mariña -Foz, Ribadeo, Viveiro, Burela e Cervo, este último agrupado con Alfoz e Valadouro- e nove na zona Sur -Monforte de Lemos, Carballedo agrupado con Chantada, Quiroga agrupado con Ribas de Sil e Folgoso do Courel, e Sober agrupado con Pantón e O Saviñao-. Tamén obteñen este apoio os concellos de Lugo, Sarria, Láncara agrupado co Corgo e Triacastela e Ribeira de Piquín agrupado con Meira e Riotorto.

Estes apoios pretenden mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego e van destinados ao reforzo dos servizos de orientación laboral e asistencia para o autoemprego. As axudas empregaranse ademais como instrumento para promover unha rede especializada na mellora de empregabilidade das persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, especialmente para aquelas nunha situación laboral máis complexa.

Dos 38 contratos que se formalizarán no proxecto impulsado pola Consellería de Economía, 24 profesionais desenvolverán as súas funcións nas administracións locais e catorce nas entidades sen ánimo de lucro.

Estas corporacións sen afán de lucro que reciben axuda para prestar este servizo en Lugo son a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia; a UXT de Lugo, Viveiro e Monforte de Lemos; o colectivo Sáude Mental Feades; Alar Galicia; a Confederación de Empresarios da provincia de Lugo; a asociación E-Deidades para a integración laboral e social das mulleres; a Asociación de Empresas de Transporte de Mercadorías por Estrada (Apetamcor); Cogami; A Asociación de Centros Homologados; Asociación de Insdustriais Metalúrxicos de Galicia (Asime); Fademga Plena Inclusión Galicia; A Fundación Laboral da Construción e a asociación Inserta Innovación.

Os programas de orientación laboral da Consellería de Economía, impulsados pola Xunta de Galicia, teñen por obxectivo fundamental o incremento e mellora da empregabilidade, así como a cualificación das persoas desempregadas mediante información, diagnóstico individual, asesoramento, motivación e acompañamento nos procesos de acceso e cambios laborais, en especial aos colectivos con maiores dificultades de inserción no mercado laboral.

Comentarios