A Xunta distingue o voluntariado de lectura do Ceip Ramón Falcón

Charo Pita impartiu un obradoiro no centro como premio para os 13 escolares de quinto e sexto de primaria que participaron no programa

Tres anos, tres premios. O equipo de voluntarido de lectura do Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei ten motivos sobrados para estar orgulloso do seu bo facer. Os nomes e as caras van cambiando, pero o traballo ben feito permanece e así o recoñeceu a Xunta cunha das oito distincións concedidas entre os 56 centros de toda Galicai inscritos este curso no programa.

Maikel, Lucía, Cristina, Victoria, María, Elena, José Luis, Juan, Abderramán, Alejandro, Ánxela, Nerea e Carla, todos eles alumos de quinto e sexto de primaria, conforman o equipo de voluntarios castrexos este curso.

Responsabilizáronse da catalogación dos libros da biblioteca escolar, que é unha das súas actividades favoritas, e tamén de promover a lectura entre os seus compañeiros, con propostas coma o videopatio -levan libros polo patio para prestarllos aos alumos- ou os apadriñamentos lectores -cóntalles contos aos máis pequenos-. E non só traballan no centro, senón que van visitar aos usuarios da veciña residencia de maiores San Xoán para lerlles e contarlles historias.

Os rapaces catalogan libros na biblioteca ou cóntanlles contos aos máis pequenos

"Se non fose por eles non poderiamos facer tantas cousas", asegura a mestra que coordina a iniciativa Bea González, que salienta a implicación dos rapaces: "Están moi involucrados, están dispostos ata a non saír ao recreo para traballar na biblioteca".

A profesora resume algunhas das actividades realizadas -algunhas ideadas polos propios alumnos-, coma os contrasinais poéticos da Semana da Poesía, os contacontos de kamashibai (teatro xaponés con figuras de papel) ou os difraces de Samaín para contar contos de medo.

A maioría dos voluntarios están en quinto polo que para o ano contan con poder repetir experiencia. A eles sumaranse os de cuarto  "que xa están desexando ser voluntarios", asegura Bea.

Os dous anos anteriores había catro centros premiados, un por provincia, que eran convidados a unha xornada de convivencia en Culleredo, pero este ano a Xunta duplicou o número de recoñecementos -en Lugo tamén distinguiu o traballo do Ceip Virxe do Carme de Sober- e fixou como recompensa obradoiros nos centros.

Charo Pita acompañou durante catro horas aos voluntarios de Castro de Rei, con prácticas "de lectura expresiva en voz alta e de narración oral", ensinándolles a xogar coas historias para ser mellores narradores, ou, como os voluntarios din, "lectores expertos". 

Comentarios