A Xunta solicita o peche cautelar das covas das Catedrais

Un informe preliminar advirte de perigo de caídas de bloques ou pedras de distintos tamaños en parte importante da praia 

Visitantes en el arenal ribadense de As Catedrais. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Visitantes en el arenal ribadense de As Catedrais. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A Xunta solicitou ao Estado o peche cautelar das covas, arcos e corredores da Praia das Catedrais, en Ribadeo, despois de detectar risco de caídas e desprendementos de bloques ou pedras que suporían un "grave" perigo para "a seguridade das persoas". A Consellería de Medio Ambiente adoptou esta medida tras analizar as conclusións dun estudo encargado á Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia sobre o estado do monumento natural despois do accidente ocorrido no mes de marzo, cando faleceu unha turista de Valladolid á que lle caeu unha pedra encima. 

Após as visitas realizadas á praia polo equipo investigador, o informe preliminar determina que este perigo de caída de material, conforme sinala a Consellería de Medio Ambiente, é "maior" en xeral baixo as covas, os corredores e os arcos litorais, zonas que coinciden coas de maior afluencia de visitantes. Por iso, o departamento autonómico formulou esta solicitude ao Estado, a administración competente en dominio público marítimo terrestre.

É o Estado, e máis concretamente o departamento competente en materia de costas, quen pode adoptar as medidas de policía preventiva necesarias para garantir a seguridade

Así, a Xunta lembra que a Lei de Costas atribúe á Administración estatal a protección do dominio público marítimo terrestre co obxectivo de asegurar tanto o mantemento da súa integridade como o seu uso público e os seus valores paisaxísticos. Por este motivo e atendendo á distribución de competencias entre administracións, a consellería solicitou por carta ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente que proceda a pechar o acceso ás zonas de praia máis sensibles a posibles desprendementos, tal e como aconsellan os técnicos. 

Ademais, a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, informou desta medida ao alcalde da localidade, Fernando Suárez, nunha reunión mantida este mércores e na que tamén participaron o xefe do servizo provincial de Costas, José Miguel Estevan.

CONCLUSIÓNS "PRELIMINARES". O departamento que dirixe Beatriz Mato sinalou que as conclusións sobre o estado actual das Catedrais son aínda "preliminares" polo que "haberá que esperar" a que o estudo da Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia estea máis avanzado para "poder dispor dunha caracterización xeolóxico-xeotécnica de todo o monumento natural". En todo caso, mentres non se dispoña do estudo definitivo, a Xunta considera que "o máis adecuado" é pedirlle ao Goberno do Estado a adopción das medidas oportunas para garantir a seguridade das persoas e, entre elas, se procede, a prohibición de acceso ás covas, arcos litorais e corredores da praia de forma provisional. 

Por último, a Xunta destacou que as súas competencias nesta praia limítanse á protección dun monumento natural desde o punto de vista ambiental e cun obxectivo conservacionista, co obxectivo de preservar este espazo de posibles agresións e evitar a súa deterioración. "Neste sentido, é o Estado, e máis concretamente o departamento competente en materia de costas, quen pode adoptar as medidas de policía preventiva necesarias para garantir a seguridade dos posibles visitantes; e de forma subsidiaria, o Concello de Ribadeo, como administración responsable en materia de seguridade pública", incidiu. 

Comentarios