A Xunta anticipará a maio e xuño o pago de diversas axudas para o agro galego

A medida deuse a coñecer coincidindo coa visita que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Medio Rural, José González, realizaron este xoves a Queserías Sarrianas
Feijóo durante su visita a la factoría sarriana EUROPA PRESS
photo_camera Feijóo durante a súa visita á factoría de Queserías Sarrianas. EUROPA PRESS

A Xunta anticipará o pago de case 300 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas de axudas que xestiona a Consellería de Medio Rural "co obxectivo de inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores debido á emerxencia sanitaria". 

A medida deuse a coñecer coincidindo coa visita que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Medio Rural, José González, realizaron este xoves a Queserías Sarrianas, na localidade lucense de Sarria. 

"Estes fondos, que se adiantarán entre maio e xuño, terán un impacto directo e inmediato nas economías dos axentes do sector", informa a Administración autonómica. Ademais, precisa que o plan de liquidez que se vai a aplicar estruturarase en tres medidas. 

"En primeiro lugar, a axilización do pago de subvencións xa concedidas e que están unicamente pendentes de comprobación en campo e pago por parte da Administración", engade precisando que este venres se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha orde que se aplicará a todas as subvencións convocadas pola Consellería que se atopen nesta situación. 

"Deste xeito darase flexibilidade aos controis no campo, coa fin de adiantar os seus pagos aos meses de maio e xuño". A contía conxunta desta axilización de pagos é de 65,7 millóns de euros, "dos que case 16 millóns están a abonarse estes días", precisa. 

A maiores, a Xunta anticipará ata un 50% -polo momento, na maioría dos casos os anticipos eran tan só do 10%- das achegas agrícolas, gandeiras e de desenvolvemento rural das convocatorias cofinanciadas por fondos europeos, como as de plans de mellora e desenvolvemento de pequenas explotacións ou a iniciativa Leader. En total, adiantaranse por este concepto uns 18,5 millóns de euros. 

ANTICIPO DA PAC. Ademais, a Xunta explica que, en terceiro lugar, o plan de liquidez expón a firma dun convenio coas entidades financeiras para o anticipo aos destinatarios das axudas da PAC correspondentes ao 2020, "que supoñen ao redor de 210 millóns de euros". 

En virtude deste convenio, "as entidades adiantarían as axudas e a Xunta asumiría os intereses, de forma que o sector poida cobrar a PAC canto antes e sen ningún tipo de custo nin intereses para os gandeiros e agricultores para que calquera deles perciba a PAC tan axiña como a solicite". 

Con estas medidas, o Goberno galego asegura seguir, por unha banda, "unha das recomendacións" feitas pola comisión de expertos económicos creada pola propia Xunta para axilizar os pagos. "Por outra banda, tamén se cumpre co establecido polo regulamento de execución aprobado recentemente pola Comisión europea", engade. 
 

Comentarios