Xulia Vicente: "En Galicia fanse moitas cousas, pero temos a sensación de que quedan aquí"

Xulia Vicente (Cariño, 1993) foi escollida para debuxar o primeiro cartel dos premios de teatro María Casares encargado a un ilustrador da terra

Xulia Vicente
photo_camera Xulia Vicente

Este ano, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia decidiu comezar a contar coa colaboración de ilustradores para os carteis dos premios de teatro María Casares. Vostede foi a primeira en ser seleccionada para o traballo. Como se sentiu?
Fíxome moitísima ilusión, porque en Galicia hai ilustradores boísimos. Pero ser a primeira foi bastante presión e fixen o traballo moi nerviosa. A pesar de todo, foi unha honra tremenda que contaran comigo, e agradézollo moito á asociación.

En que se inspirou para elaborar o cartel?
Estiven bastante bloqueada ao principio, pero axudoume unha amiga actriz que traballa en teatro. Ela faloume sobre os fillos dos actores e dos traballadores do teatro, que axudan a seus pais entre bambalinas, e que ven o mundo do teatro dende atrás, imaxinando que poderían estar alí. É a visión dos que empezan ou que aspiran a entrar, e que soñan co teatro. Tamén das persoas que están detrás do escenario e que non se ven, pero sosteñen toda a obra.

A súa obra máis importante é Duerme pueblo, que debuxou e guionizou con Nuria Tamarit. Non era a primeira vez que traballaba con ela. É difícil facer un traballo destas características con outra persoa?
persoa? Si, é bastante complicado. Ten que ser alguén con quen te entendas ben e teñas certa afinidade co tema que queres tratar e da maneira de traballar. Pero xa traballáramos xuntas en Anna Dédalus Detective, e dende aquela sabiamos que estabamos cómodas traballando xuntas e que nos entendiamos moi ben.

Cal foi a colaboración que máis lle gustou facer?
Cada traballo ten o seu aquel especial. Gústame moito facer historietas de tres ou catro páxinas nas que o relato vai pola miña conta. A que me fixo bastante ilusión é a colaboración para Voltio, número 3 que editou La Cúpula o ano pasado.

Ten moitas obras en conxunto, xa sexa doutros ilustradores como de guionistas para as historias. Planea algún proxecto en solitario?
Agora mesmo teño que rematar a segunda parte dunha triloxía que se chama Sello de dragón. Cando o vaia rematando tiña pensado intentar facer unha obra propia, pero aínda non teño fixado de todo o tema. O problema da absoluta liberdade creativa é que tes que escoller en que tema centrarte

Que opina da ilustración e a banda deseñada que nace en Galicia?
Hai un montón de actividade e creativos moi bos. En Galicia fanse moitas cousas, pero todos temos a sensación de que quedan un pouco pechadas aquí. Pero pouco a pouco ímonos abrindo paso, estamos nun momento moi rico da ilustración.

"As novas xeracións vimos pisando forte. Foise recoñecendo que a ilustración existe e que se pode vivir dela, así que tiñamos as ideas máis claras"

E que opina das novas xeracións do debuxo galego?
Parece que vimos pisando forte. É certo que como se foi recoñecendo que a ilustración existe e que se pode vivir dela como profesión, tiñamos as ideas máis claras dende antes e tamén puidemos traballar antes, por iso hai rapaces de 20 anos adicándose xa a isto. É unha diferencia importante con anteriores xeracións.

Os seus debuxos son moi coloridos e fantasiosos. De onde saca a inspiración para cada nova ilustración?
Pois iso me pregunto eu algunhas veces. Moitas veces antes de empezar a traballar é facer un panel de influencias e ideas, collo imaxes dos meus blogues de referencia, e comezo a maquinar. Ás veces lévame varios días pensar por onde podo tirar. Todas as influencias van quedando no fondo da túa mente e ao final rescatas cousas que nin lembras de onde veñen. Cando teño algo comezo a bocetar uns garabatos a lápiz ata que atopo unha liña de traballo que me interese.

Canto tempo pode tardar en facer unha ilustración?
Depende. A parte máis variable é a de decidir que facer. No cartel dos premios de teatro custoume moito atopar por onde tirar, igual estiven un mes pensando. Outras veces téñoo moi claro e en media hora atopei por onde empezar a debuxar. O tempo que leva facelo non é tanto. Dependendo da complexidade do debuxo nun par de días pode estar listo.

Para os seus debuxos emprega técnicas máis tradicionais ou dixitais?
Fago unha mestura. Eu sempre debuxo e entinto de xeito tradicional, cun lápis vermello e cun pincel, e despois escaneo e a cor case sempre a engado de forma dixital. Hai tempo que non teño tempo para facer acuarelas, algo que antes facía moito. A cor dixital permite reproducir as obras de maneira moito máis sinxela. É complicado escanear unha acuarela e facer que se reproduza ben.

Cal é ese cómic que non pode deixar de recomendar?
Este ano non paro de recomendar On a Sunbean, de Tillie Walden. É un webcómic que está dispoñible totalmente gratuíto na súa páxina web.

Comentarios