Xotramu celebra o seu duodécimo aniversario nas redes sociais

A través do cancelo #familiaXotramu, daranse a coñecer  as persoas que hai detrás da asociación, para poñer de manifesto "os valores que se foron transmitindo ano tras ano"
Membros de Xotramu colaboraron con Natalia García nas súas pinturas. LOMBARDERO
photo_camera Membros de Xotramu colaboraron con Natalia García nas súas pinturas. LOMBARDERO

A Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta celebra este domingo, día 7, a duodécima edición de Xotramu, pero será a través das redes sociais, unha alternativa á súa cita anual na que buscarán "poñer de manifesto e visibilizar a importancia do xogo na vida das persoas para facer comunidade lúdica", segundo aseguran. Baixo o cancelo #familiaXotramu, irán dando a coñecer as persoas achegadas á entidade e así tamén destacar "os valores que se foron transmitindo ano tras ano" nas celebracións de Xotramu.

Así mesmo, Natalia García, voluntaria do colectivo, tamén puxo o seu gran de area pintando diversos xogos de Tecendo Brincadeiras nas rúas de Muimenta para que "o xogo siga visible nestas datas", apunta sobre un proxecto que está a desenvolver ao longo desta fin de semana xunto a outros membros da asociación.

Dende Xotramu agradecen a implicación de voluntarios, colaboradores, compañeiros e veciñanza, "imprescindibles en calquera das edicións", engaden, ao tempo que desexan conmemorar o decimoterceiro aniversario con máis ganas ca nunca.

Comentarios