Xosé Reigosa: "Impresionáronme as instalacións e a vida que alí se desenvolvía"

Nado en Barreiros pero afincado en Lugo dende 1981, Reigosa desenvolveu a súa carreira profesional na banca, pero foi o sinxelo xesto de coller unha cámara o que lle cambiou a vida  A súa andaina a través do obxectivo levouno ao hospital psiquiátrico San Rafael de Castro pouco antes do seu peche, dando pé á colección fotográfica Entre Marbella e Torremolinos, imaxes de manicomio, que evolucionaría ata o seu primeiro documental. Hoxe xa suma catro. Unha selección desas fotografías pode verse no Madia Leva de Baamonde ao longo deste mes.

Xosé Reigosa, no Madia Leva de Baamonde. JAMY CORRAL
photo_camera Xosé Reigosa, no Madia Leva de Baamonde. JAMY CORRAL

Que vai atopar o espectador na mostra No manicomio?

Fixen unha selección de 14 das 32 fotos que formaban a colección orixinal, Entre Marbella a Torremolinos, imaxes de manicomio.

E que impresión lle gustaría que lle quedase á xente delas?

Gustaríame que o que as vexa saiba apreciar a beleza que se pode atopar nas cousas que a primeira vista non parece que a teñan. Esa foi a principal idea coa que as fixen.

Como xorde a idea de facer estas imaxes?

Foi no ano 2011 cando me enterei de que o manicomio de Castro estaba a piques de pechar definitivamente. Visiteino e quedei impresionado. Así xurdiu a idea de facer unha reportaxe o máis ampla posible.

Gustaríame que quen vexa as fotografías saiba apreciar a beleza que se pode atopar nas cousas que a primeira vista non parecen tela

Que foi o que máis o impresionou do hospital psiquiátrico?

En principio foron as propias instalacións. A súa arquitectura, os seus espazos, a súa decadencia. E unha vez dentro, a vida que alí se desenvolvía.

O edificio leva anos pechado, que uso cre que se lle podería dar?

O problema dese edificio e que é demasiado grande e está en mal estado porque se abandonou totalmente. Habería que gastar moito para rehabilitalo. Pero de facelo, aínda que fose só unha parte, penso que habería institucións ou asociacións interesadas nel. 

Volveu facer fotos alí ou pensou en volver?

Si, de feito volvín varias veces e fixen varios traballos en colaboración con outra xente. Hai concretamente unha colección á que o poeta Miguel Curiel lle adicou uns poemas e que teño pendente de darlle forma para amosala.  

Jaime Parto e eu estámoslles moi agradecidos aos membros da Liga Santaballesa, que colaboraron en 'A viaxe de Ruth' de xeito desinteresado

Pola Chaira, concretamente por terras de Santaballa, pasou para participar na gravación do documental A viaxe de Ruth, que supuxo para vostede ser parte deste proxecto?

Foi moi interesante adentrarse un pouco máis na vida de esta fotógrafa. Tanto Jaime Pardo como eu estámoslles moi agradecidos aos membros da Liga Santaballesa, que colaboraron no proxecto de xeito desinteresado. Por outra parte, o documental presentouse na Semana de Cine de Lugo do ano pasado e acadou o premio ao mellor documental. Tamén se proxectou na pasada Ouff de Ourense e noutros puntos de Galicia. Está tendo moi boa acollida.

Con que se queda do traballo de Ruth Matilda Anderson?

E difícil escoller, pero quizais todo o que fixo pola zona da Costa da Morte.

E vén de colaborar de novo con Jaime Pardo Valdés nun documental sobre a Vía Künig...

Si, xunto co historiador Javier Gomez Vila, que é un dos principais promotores desta vía. Rematamos xa a gravación e estamos no proceso de montaxe. 

Estamos inmersos nun capítulo interesante da nosa historia, a fuxida das tropas inglesas acosadas polas francesas a través de León e de Galicia, pasando por Lugo

Traballou sobre A Chocolateira, o San Rafael, a Muralla de Lugo... elementos emblemáticos da historia luguesa, que outros lle gustaría poder recoller nun libro ou nun documental?

Estamos agora inmersos Jaime e eu, coa colaboración inestimable de María Vázquez como guionista, nun capítulo interesante da nosa historia como foi a fuxida das tropas inglesas acosadas polas francesas a través de León e de Galicia, pasando por Lugo, e que tivo como consecuencia a Batalla de Elviña e a morte na mesma de Sir John Moore, que viña ao mando das tropas. 

Que proxectos ten en marcha nestes momentos?

Pois de momento rematar este documental e despois iremos vendo. Penso que será un proxecto fotográfico.

De preto: "Gústame as planicies da Chaira rotas de cando en vez por unha construción, unha árbore..."
De onde vén a súa afección pola fotografía?
Foi a lectura dun libro, Aprende fotografía, de Antoine Desilets. 
Cal é a primeira foto que lembra facer?
Despois de quedar ‘atrapado’ pola fotografía, penso que foi un retrato dunha amiga xixonesa.
Un fotógrafo de referencia?
Como teño varios, hoxe elixirei a  Dorothea Lange.
Unha foto imprescindible?
Unha de esta autora: Nai emigrante
Fai fotos co móbil?
Só se non teño outro remedio.
Cor ou branco e negro?
Os dous, depende do motivo. Aínda que teño unha querencia especial polo B/N.
Un recuncho da Chaira para capturar a través do obxectivo?
Gústanme as planicies da Chaira rotas de cando en vez por unha construción, unha árbore ou unhas fincas roturadas de forma case artística, sen que sexa esa a intención.
Un libro?
O último que lin: Unha casa en amargura, da lucense Elisa Vazquez de Gey.
Unha viaxe?
Agora xa podo dicir Exipto, porque acabo de vir de alí.
Un lugar para desconectar do mundo?
A casa onde nacín en San Cosme de Barreiros.

Comentarios