"As novas tecnoloxías xa son tan necesarias coma o coche para moverse polo mundo"

A última entrevista con Xosé Manuel Carballo: "Sigo de cura mediante escritos, whatsapps e correos electrónicos, agora falo cos dedos"

O polifacético párroco de Goberno, que foi retratado por máis de 200 amigos na obra 'Cerna de Carballo' (2015), entre outras moitas homenaxes, vén de xubilarse na atención a seis parroquias de Castro de Rei, pero mantense activo, porque aínda que a voz ás veces lle falla, a "ferramenta da palabra" séguea a empregar sempre que o estima oportuno
Xosé Manuel Carballo
photo_camera Xosé Manuel Carballo

(Entrevista publicada en El Progreso o 19 de setembro de 2017)

En xuño de 1967 , Xosé Manuel Carballo Ferreiro, natural da parroquia de San Martiño de Goberno, en Castro de Rei, ordenouse en Lourenzá. Daba así comezo un periplo de medio século como cura, no que o traballo por, para e dende o rural marcou unha traxectoria na que este polifacético chairego tivo tempo para ser mago, escritor, concelleiro, mestre...

O ano das súas vodas de ouro é tamén o da súa xubilación. Que balance fai destes 50 anos?
Repito o que xa dixen noutras ocasións, porque así o teño pensado: Co sabido, sabido, volvería coller o mesmo camiño. Non cambiaría un 50%. Melloraría un 25 e evitaría outro 25. Xubilado estaba. Agora retiro da atención ás parroquias.

Lembra que foi o que encamiñou os seus pasos cara a Igrexa?
Si, aos nove anos xa me gustaba disfrazarme e os curas nas misas poñían unhas cousas que daban que ver, sobre todo cando misaban tres. Aos 20 seguíame gustando disfrazarme, pero non seguín para cura por iso. Parecíame que sendo cura podía prestar un bo servizo ás persoas, inclusive axudando a crer e celebrar; pero a ser cura aínda sigo aprendendo cada día.

Ten dito que a súa vida xira sobre dous eixes: a difusión do Evanxeo e a valoración e promoción do rural. Cre que cumpriu obxectivos?
Os obxectivos sempre deben ser un pouco altos para converterse nun ideal. O ideal non o alcancei. Analizando matematicamente os resultados diría que son un fracasado. Nin vexo que se viva mellor o Evanxeo ca cando empecei, porque é grande a descristianización; nin que o rural vaia para riba, porque agoniza. E, non obstante, creo que pagou a pena, porque non todo é matemática. Non son o único nin o principal responsable. O ‘cambio climático’ abarca tamén os espíritos.

"Temos para ofrecerlle ao mundo un tesouro, hai que tratar de envolvelo en papel atraente e novidoso, non amarelado"

Que necesitaría o rural para que deixasen de pecharse casas?
Que ademais dalgúns curas para axudarlle a ben morrer houbese moitos políticos que tomasen en serio axudarlle a ben vivir.

Hai solucións para unha Igrexa cada vez con menos vocacións e cunha carencia de párrocos?
Hai, se a igrexa non se reduce a un club no que eu xa pago a miña cota (ou nin a pago) e agora que toureen outros. E se hai sangue, máis emoción. Se cada un toma en serio a súa función e a realiza convencido e encariñado, hai futuro. Para iso ten que haber grandes cambios na xerarquía mirando ás orixes da Igrexa, pero tamén en cada membro se é vivo.

Mestre, mago, concelleiro, escritor, director de teatro, párroco... hiperactividade ou necesidade?
Probablemente algo de Quixote, (polas gorduras, son máis Quixote ca Sancho). Gústame experimentar para coñecer. Se non me traizoa o subconsciente, todo son distintos medios ao servizo da función de cura. Sei que temos para ofrecerlle ao mundo un tesouro, o Evanxeo. Hai que tratar de envolvelo en papel atraente e novidoso, non amarelado e revellecido.

E sempre en galego.
Si, porque estou en Galicia. Se estivese en Nixeria sería en morito, porque a mensaxe de Xesús só é salvadora se é para a muller e o home de aquí e de agora. De todos os xeitos, se estivese en Nixeria, víñame para Galicia.

Afrontou un grave accidente de tráfico e un cancro que lle tocou unha das súa grandes ferramentas, a voz. Deus púxoo a proba?
Non. Deus non anda con esas argalladas de xogar a apertar sen chegar a afogar. A culpa do accidente non foi de Deus. El non ía conducindo o tractor. E a culpa do cancro foi un pouco miña, por fumar, pero moito máis das multinacionais tabaqueiras e das autoridades sanitarias por permitiren os aditivos canceríxenos nos cigarros. Perseguen ao fumador e reciben regalos das tabaqueiras. Deus fixo abondo con estar comigo no sufrimento. Non lle pido máis e chégame. Pero como tamén lle gusta disfrazarse, fíxose presente na familia, nos amigos e amigas, nalgúns sanitarios, na comuñón... Ademais, perdín voz, pero conservo a ferramenta da palabra.

"Perdín voz, pero conservo a feramenta da palabra"

Os valuros son unha constante na súa traxectoria, co grupo de teatro, a festa... quen son?
Pois disque deles vimos os chairegos, ou que os chairegos somos Valuros. Eran xentes con defectos, pero con imaxinación e creatividade, capaces ata de venderlles indulxencias falsas aos bispos e de convencer á xente de que as ras que cantan na lagoa de Caque son 11.000 virxes que hai que desencantar. Convencían ata conseguir esmolas polas feiras e mercados. Lástima que non lles dese pola política, por aquilo de 'la imaginación al poder'.

Se don Otto volvese de viaxe pola Chaira, que impresión levaría? Necesitaría unha segunda parte?
Nunca segundas partes foron boas. Agora quen parece que viña de boa gana dar unha volta é un fillastro de don Otto, que foi un dos milleiros de nenos desaparecidos en Alemania durante e despois da Segunda Guerra Mundial .

E agora que lle resta por facer? Algún proxecto en mente?
Estou traballando en varios, porque debido á fatiga teño que estar moito tempo quieto, pero procuro estar pouco parado. De todas maneiras sigo facendo de cura mediante escritos, whatsapps e correos electrónicos. Agora falo moito cos dedos.

Leva xa unha boa presa de homenaxes e recoñecementos, bota algún en falta?
Si!, espero que haxa unha festiña cando me suban do purgatorio, porque sen unhas chamuscadiñas non libro.

Comentarios