Imprimir

O xogo, linguaxe universal

El Progreso de Lugo | 17 de septiembre de 2019

A expedición chairega (de negro), no seu primeiro encontro fronte a Chipre. XOTRAMU
A expedición chairega (de negro), no seu primeiro encontro fronte a Chipre. XOTRAMU
Cinco integrantes de Xotramu viaxaron á cidade italiana de Verona para participar no Festival Internacional de Giochi di Strada Tocatì

Cansados, pero extremadamente satisfeitos. Cunha nova experiencia na maleta e máis ganas se cabe de traballar para pór en valor o xogo tradicional. Así voltaba a expedición de Xotramu que esta fin de semana viaxaba ata Italia para participar no Festival Internacional de Giochi di Strada Tocatì.

José Lombardero e Kiko Darriba, os ‘líderes’ da asociación de Muimenta; Noelia Darriba, a intérprete de italiano; Martín Anllo, o encargado da loxística, e Irea Santaballa, unha experta xogadora, ata o punto que os veroneses a querían fichar por ser "brava" —a súa maneira de dicir moi boa—, mergulláronse nunha proposta que leva 17 anos convertendo Verona na capital do xogo tradicional grazas á Associazzione de Giochi Antichi (AGA).

"É un ambiente de festa, coas rúas chegas de xogos e moitísima, moitísima xente xogando", explica Noelia, a quen esta experiencia lle serviu para constatar que o xogo "ten unha linguaxe universal, crea colectividade", logo de compartir tempo e prácticas en todo tipo de divertimentos con xentes de distintos países.

Os chairegos amosaron a tarabela, as tartarugas, o lanzamento de boina ou a billarda e competiron nun tornoe de S-cianto

E tamén de competir no torneo de S-cianto —parecido á billarda—, cun resultado máis ca positivo. Os chairegos impuxéronse a Chipre, a Verona Júnior e a Croacia, e só cederon no cuarto partido ante os anfitrións, o equipo absoluto veronés, que gañou esta competición de oito equipos.

Con eles traen varios xogos que amosarán no XII Xotramu, pero tamén deixaron a súa pequena contribución. Levaron o lanzamento de boina, a billarda, as tartarugas e a tarabela, un éxito, pois ata pensan en reproducila.
"Triunfamos!", bromea Kiko, destacando as amizades colleitadas e a grandeza do encontro: "Sacamos as tartarugas nunha praza e ao momento, pequenos e grandes comezaron a facer cola para xogar".

"É un evento moi bonito, para ser feliz, reunirse nunha cidade para xogar", detalla Martín, aínda sorprendido pola magnitude dun festival que lles permitiu pasar "unha fin de semana ideal, con xente con moitas ganas de participar e de coñecer a varias xeracións xogando xuntas".

"Foi unha viaxe incrible, sorprendeume tanta implicación e gustoume moito", apunta Irea, que destaca os máis de 400 voluntarios que fan posible o evento.

"Que experiencia!", conclúe Lombardero, xa cun novo obxectivo en mente: poder repetir experiencia, pero como Galicia como rexión convidada, igual que o foi este ano a Bretaña Francesa ou Cataluña tempo atrás. Soñar é posible. Xogar, tamén.

Delegación de Xotramu que viaxou a Italia. XOTRAMU

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/a-chaira/xogo-linguaxe-universal/201909172243171397400.html


© 2019 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)