A XLII Romaxe de Crentes Galegos xunta a centos de fieis na Madalena

Un relato musicado serviu para presentar a cita aos asistentes. Arzúa recolle o testemuño de Vilalba para o ano 2020
Un momento da celebración colectiva na Romaxe de Crentes Galegos. C. PÉREZ
photo_camera Un momento da celebración colectiva na Romaxe de Crentes Galegos. C. PÉREZ

Centos de persoas achegáronse este sábado ata a área recreativa da Madalena de Vilalba para celebrar conxuntamente, nun espazo definido polos presentes coma "un hotel de cinco estrelas", a XLII Romaxe de Crentes Galegos, que promove anualmente, sen fallo, a asociación Irimia dende aquela primeira convocotoria no Pedregal meirego, logo de pór en práctica unha idea que xermolara precisamente nas terras da capital chairega.

Ferrolterra, Santiago, Aguiño, Castroverde, Vigo, Moaña, o centro penitenciario de Teixeiro, Corme... Sería difícil dar enumerado os lugares de procedencia "dos fillos e das fillas de Irimia" que se xuntaron no berce de Pepe Chao —ideador da romaxe a quen se lembrou, entre outros, neste encontro— baixo un lema moi chairego: Ferrados de Corazón.

Foron os alentos, as verbas e o sentimento de dous persoeiros presentados como chairegos, Carme e Martiño, en nome dunha institución moi chairega, o Iescha, xunto con varios convidados —falaron da queixería Don Gabino, un educador do centro penitenciario de Teixeiro ou un crego de aldea que lle puxo voz a outros moitos— os encargados de debullar as razóns e a alma desta xuntanza desenvolvida "na comarca máis extensa de Galicia, 1.822 quilómetros cadrados e 40.000 habitantes".

"Terras preciosas, terras benditas, terras sagradas", recitaban a coro os presentes, nunha das moitas letanías que daban pé a presentar esa comarca que inspirou textos de Manuel María, de Aquilino Iglesia Alvariño e de tantos outros.

Os presentes lembraron as múltiples referencias poéticas á Chaira

"Ollada a Terra Chá dende as alturas/ é semellante a un mar en calma/para medila só valen dúas mensuras/ ¡ferrados de corazón, fanegas de alma!" escribía o poeta de Outeiro de Rei, uns versos dos que partiron Carme e Martiño ao falar de todas as romarías populares de gran tradición ás que se lles foron sumando novas e multitudinaras convocatorias, dos infinitos regatos que lle dan de beber ao pai Miño, das augas menciñeiras, dos "esgrevios montes" que protexen a chaira, da riqueza da terra ou dos emprendedores que apostaron por crear oportunidades nela.

Rubén Aramburu e Xulio Xiz exerceron de mestres de cerimonias deste relato musicado por un grupo creado para a ocasión, e que culminaba coa entrega de dous agasallos especiais, un para a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, como anfitrioa desta edición, e outra para unha representación de Arzúa, que acollerá a romaxe en 2020.

O tradicional xantar compartido, a animación dos vilalbeses Corredores de Sombra e a despedida da xornada de irmandade, a cargo de Baruk Domínguez e Manolo Regal, completaron unha celebración cuxo recordo, ademais de na memoria colectiva, quedou importalizado nun colgante conmemorativo de Sargadelos.

Comentarios