Xermolos recibe máis de 26.000 euros para rehabilitar a casa de Díaz Castro

Máis de 130 persoas achegaron fondos durante 40 días a través dun 'crowdfunding' ►A asociación está a facer os trámites para poder iniciar a obra máis urxente, a cuberta
O colectivo As FeAs acordou nunha xuntanza celebrada en Muimenta organizar un festival solidario a prol do proxecto Salvemos a Casa de Díaz Castro
photo_camera O colectivo As FeAs acordou nunha xuntanza celebrada en Muimenta organizar un festival solidario a prol do proxecto Salvemos a Casa de Díaz Castro

A campaña Salvemos o rural, pon unha pedra na casa de Díaz Castro, que iniciaba o pasado mes de maio a asociación de Xermolos cun crowdfunding a través da web goteo.org, culminaba coa recadación de 26.953 euros doados por un total de 131 cofinanciadores que quixeron sumarse ao proxecto de rehabilitación da vivenda natal do poeta Xosé María Díaz Castro no Vilariño para convertela na Casa da Xente.

O coordinador da entidade guitiricense, Alfonso Blanco, precisou que os colaboradores son xa máis de 200, agradecendo os múltiples apoios que seguen a recibir. Incidiu ademais en que esta iniciativa foi só unha primeira fase dunha carreira de fondo. Así, o seguinte paso será acudir ao Parlamento de Galicia para exporlle as súas ideas aos distintos grupos políticos.

Os promotores do proxecto Salvemos a Casa de Díaz Castro teñen tamén unha cita fixada para presentar as súas ideas na Coruña, onde varias asociacións culturais e a Facultade de Socioloxía da UDC amosaron o seu interese pola recuperación da vivenda e polo que se quere facer nela unha vez conseguido.

De momento, o máis inmediato é frear o seu deterioro e para iso o fundamental é colocar unha nova cuberta, para evitar que a choiva continúe a danar o interior do inmoble. Xermolos xa iniciou os trámites para poder acometer as obras en canto sexa posible.

O orzamento mínimo que se precisa inicialmente, tal e como se recolle na documentación que acompañaba á recadación de fondos, ascende a 24.640 euros. Con estes cartos abonaríanse os materiais para a nova cuberta,na que se usarían lousa do país e madeira de castiñeiro, así coma a man de obra.

A colocación do novo piso e das dúas escaleiras que dan acceso a este dende o baixo ou o arranxo do chan son os principais gastos que conlevaría a continuación da obra, para a que se calcula que se precisarían outros 20.000 euros.

Xermolos aspira a que a Casa da Xente contribúa a dinamizar o rural e a que o proxecto vaia máis alá de Guitiriz, converténdose nun "espazo para todo o mundo", segundo destaca Blanco.

Un museo para conservar o patrimonio do poeta, un recuncho reservado para os creadores ou a posibilidade de acoller campos de traballo son algunhas das opcións de futuro que se contemplan para darlle vida á vivenda do Vilariño.

Comentarios