Opinión

Xeracións perdidas aquí e acolá

A ESPAÑA Baldeira, aquí Galicia, acolá a mocidade subsahariana que foxe e afunde aínda máis aos seus non países. Xeracións perdidas.

Agora Grecia, a quen tanto debemos, que agasallou a Occidente coa primeira democracia, a idea do individuo, a mellor filosofía, os alicerces da ciencia, das artes, tantas cousas. Desde o inicio da Crise dos Cobizosos e dos Gobernos Irresponsables, perdeu medio millón de rapaces nun país con menos de once millóns de habitantes. Nesa marea humana o 8% son doutores, o 53% ten un posgrado e un 80% son licenciados. Máis que éxodo de xente nova trátase dunha fuga de cerebros. Sen eles, a recuperación será difícil. Ninguén sabe quen termará das pensións nun país envellecido. Iso sí, a gran banca europea que prestou cartos daquela maneira, seguirá cobrando intereses abusivos.

Ademais de economía, outros motivos impulsan o éxodo: as redes clientelares cheas de mediocres e caladiños, o cuñadismo que frea a meritocracia, a corrupción. A música grega é a que está a soar na España Baldeira, e aínda máis en países subsaharianos onde cabalgan outros xinetes da apocalipse: o cambio climático, as guerras, a depredación dos recursos naturales. Non-países.

As fotografías dos que foxen mostran xente nova, xusto na etapa vital de planear futuros, traballos, familias, esas cousiñas que cando faltan agudizan a debacle demográfica.

Xeracións perdidas aquí e acola. Alarma pola fuxida de talento e vitalidade. Xorden iniciativas para recuperar o tesouriño da mocidade, da xente titulada, da idade da heterodoxia onde medra o emprendemento. Sen eles pouco futuro é posible.

Aquí e acolá, nos países e non-países con xeracións perdidas, ocorre a peor maldición demográfica: máis mortes que nacementos. En Galicia, o curso 2018-19 empeza con 1.300 nenos menos en infantil e primaria.

Faltan tamén os que foxen. Máis de medio millón na Grecia que envellece. A España Baldeira envellece. E as Laponias galegas. E tantos países subsaharianos que esmorecen á espera das remesas dos fillos.

En Grecia, o 21% da poboación é maior de 65 anos, en 2.050, será o 33%. Case o que está a pasar aquí. Pero no norte de África a proporción é inversa, dous terzos da poboación teñen menos de vintecinco anos. A demografía ten as súas propias bombas demográficas.

Aqueles rescates impostos, as receitas de austeridade semellan agora unha demotanasia. En 2.008 había 8.000 investigadores gregos no estranxeiro. En 2.015 xa eran 141.000: unha lousa que aplasta o futuro.

Profesionais universitarios, títulos carísimos producen fóra un alto valor engadido afondando a fenda entre as dúas ribeiras do Mediterráneo, entre as dúas Europas, entre o mundo rico e o mundo pobre. As xeracións gañadas fóra son as xeracións perdidas, aquí e acolá.

Comentarios