Os xabaríns reaparecen na Ronda do Carme e Castelo e volven a xerar danos

Os animais deixáronse ver por Lugo as dúas últimas noites

Os xabaríns volveron facer acto de presenza en Lugo. Uns veciños localizaron a unha femia e as súas tres crías en plena Ronda do Carme durante a madrugada do xoves ao venres.

Eran as 3.30 da mañá cando un grupo de catro animais apareceu na mediana da mencionada rúa. Afortunadamente, a situación resolveuse sen maiores incidentes, aínda que con danos na zona verde.

Ademais, unha hora e media antes deste avistamento, outro veciño alertou da presenza doutros dous xabaríns nas inmediacións da igrexa de Castelo. Neste caso, aínda que o residente asegurou que os animais eran de «gran tamaño» e estaban acompañados por «seis ou sete crías», tampouco houbo que lamentar ningún suceso.

Son os primeiros avistamentos de xabaríns desde que a Xunta decidise lanzar unha campaña de batidas nocturnas con arqueiros para tratar de solucionar a situación. Tras abater a once exemplares en catro meses, conseguiuse modificar o comportamento das manadas e evitar que se achegasen de continuo a zonas da contorna urbana da cidade.

Malia que o plan funcionou, segundo a Xunta, varios meses despois os xabaríns volveron a deixarse ver por Lugo, un feito que pode indicar que as súas visitas poden facerse habituais de novo na cidade. De feito, a semana pasada faleceu un animal a consecuencia dun atropelo na Ronda Norte, no tramo que une As Gándaras coa Campiña.

Comentarios