Vivencia alén do océano

O vilalbés Ismael Francos é un dos 80 estudantes galegos con bolsa da Fundación Amancio Ortega, o que lle permitirá facer o seu primeiro ano de Bacharelato en Canadá
Ismael Francos
photo_camera Ismael Francos

Hai quen, pese á súa xuventude, ten as cousas moi claras, e o vilalbés Ismael Francos, cos seus 15 anos, é un claro exemplo desta afirmación. Unha das súas ilusións desde «sempre», tal e como el mesmo di, era ir estudar fóra e o próximo curso poderá cumprir o seu soño grazas ao programa de bolsas de estudo da Fundación Amancio Ortega, que lle permitirá realizar o seu primeiro ano de Bacharelato en Canadá.

Para Ismael, recibir a noticia foi «unha ledicia moi grande». «Ves o teu nome aí, entre os selecionados, e pensas ‘que felicidade!’», asegura cheo de ilusión ao saberse un dos 80 estudantes galegos -hai un total de 500 bolsas para toda España- que pasará dez meses mellorando o seu nivel de inglés e coñecendo outras culturas, que son os obxectivos que persegue a fundación a través destas axudas.

Este vilalbés soubo delas a través de internet cando aínda tiña 14 anos e, cando veu en que consistían, xa o tivo claro. «Comenteino na casa, pedinlles permiso aos meus pais para facer a solicitude e empecei a mover todo» tras ler os requisitos -ter unha nota media de 7 e, en inglés, de 8, entre outros- e ver que os cumpría todos, explica.

Este mozo de Vilalba, que vivirá dez meses cunha familia de acollida, afronta a experiencia «con moitas ganas de aproveitala»

No inicio desta aventura non estivo só, senón que outros dous compañeiros da súa clase tamén se inscribiron para realizar as probas de selección.

A primeira celebrouse en Santiago e consistía nun exame de inglés escrito, centrado na gramática e cun ‘listening’. «Cando saíron as listas dos que pasaban á seguinte, estábamos de excursión en París, os tres moi nerviosos por saber que pasaría», recorda. Só el accedeu á segunda e última, na que tivo que realizar por Skype unha presentación oral sobre un tema e responder unhas preguntas que lle facían.

Finalmente, foi un dos seleccionados e afronta esta oportunidade «con moitas ganas de aprender, de ver sitios, de vivir a experiencia, que é única e hai que aproveitala».

A bolsa cobre a totalidade do curso escolar en Canadá ou Estados Unidos -Ismael decantouse polo primeiro, porque «sempre me gustou máis»-: viaxe, taxa de escolarización, convalidación de estudos, aloxamento e manutención nunha familia de acollida, seguro médico e de accidentes e o apoio continuado durante os dez meses de estancia, que estarán integramente no país eloxido.

En canto á distancia e o tempo que pasará lonxe da familia e amigos, este mozo vilalbés recoñece que é algo que lle pon «algo triste», pero que «seguro pasará rápido». «Son dez meses que vas aproveitar moito. Unha oportunidade que igual nunca na vida a volves ter. A opción de volver sempre a tes; a de quedarte, xa está porque estás alí; pero a de ir, non sabes se a vas ter de novo», explica cunha claridade de ideas que sorprende a quen o escoita.

Sobre o que espera atoparse en Canadá en canto a estudos, considera que «alí valoran máis o traballo persoal, o esforzo que fagas, non tanto os exames». E a comunicación en inglés, de inicio, non lle preocupa. «Vou a clases particulares e vexo series e películas en versión orixinal. Acostumas o oído e faise máis fácil», explica.

De momento, segue a recibir felicitacións pola experiencia que vai vivir a partir de setembro e xa serve tamén de inspiración para outros alumnos do IES Basanta Silva. «É unha pena que non informen máis deste tipo de bolsas. Algúns rapaces xa me preguntaron como fixera», apunta.

Comentarios