Imprimir

A visita do Papa a Galicia en 2021 dependerá da situación sanitaria

Europa Press | 25 de septiembre de 2020

El papa Francisco.RICARDO ANTIMIANI (Efe)
El papa Francisco.RICARDO ANTIMIANI (Efe)
O deán da Catedral de Santiago asegura que Francisco ten "moitas ganas de vir a España"

A visita do Papa Francisco a Galicia, coincidindo co Ano Santo Compostelán, aínda non está pechada. Segundo desvelou o deán da Catedral, Segundo Pérez, o Santo Pai ten "moitas ganas de vir a España" con motivo desta efeméride, pero que a decisión dependerá da evolución "da cuestión sanitaria" debido á incidencia da covid-19. 

No entanto, asegurou que o tema "non está pechado, ao contrario", polo que aínda manteñen a esperanza de que esta visita se poida materializar en 2021, tendo en conta a importancia deste período para o Arcebispado e para a propia comunidade autónoma. 

Pérez asegurou que o Ano Santo "non vai ser un fracaso, nin moito menos", e rexeitou polémicas coa Xunta de Galicia ou co Concello compostelán, após manifestar a súa vontade de ampliar o Xacobeo 2021 de cara a amortecer o impacto da pandemia nun evento eclesiástico que leva máis dunha década sen ter lugar. 

De momento non está clara a decisión que tomará o Arcebispado e Julián Barrio evitou concretar esta mesma semana se solicitará á Santa Sé prorrogar o peche da porta santa da Catedral compostelá, sinalando que o Ano Santo "non é un evento máis", posto que "un congreso pódese pospor". 

Segundo Pérez quixo quitar ferro ao debate este venres e asegurou que a situación se analizará en función da evolución sanitaria. O deán matizou ademais que, no caso de que sexa necesario "ampliar" durante uns meses o Ano Santo, en Roma non poñerían pegas ou dificultades. "Iso é unha cousa menor", resolveu. 

Así o trasladou durante unha visita do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora de Turismo, Nava Castro, ao Centro Internacional de Acollida do Peregrino, onde tanto o propio Pérez como o cargo autonómico pronunciáronse sobre o debate aberto do impacto da crise sanitaria no próximo ano Xacobeo. 

Rueda asegurou que "non hai asperezas", senón que cada parte "ten as súas competencias, a súa perspectiva e opinión". "Este é un tema que loxicamente hai que falar", insistiu, engadindo que se tomará unha decisión "cando cumpra".

A XUNTA "CHEGARÁ A TEMPO". En todo caso, o vicepresidente garantiu que a Xunta chegará "a tempo" na programación para o próximo Xacobeo, que será obxecto dunha "reformulación" debido á incidencia das condicións sanitarias e a evolución da pandemia. 

Rueda sinalou que as grandes celebracións e a mobilidade, dúas dos aspectos que máis se identifican co Camiño e o Ano Santo, veranse afectadas debido ás perspectivas actuais, polo que se organizarán actos "máis pequenos pero máis numerosos" en practicamente todo o territorio galego. 

"Todo isto require, reflexión reunións e decisións", insistiu, para instar a planificar o programa cunha perspectiva desa década con "tres Xacobeos", para "garantilo aínda máis" e que o Ano Santo "siga sendo unha gran oportunidade para Galicia". "Hai moitísimas formas de abordar todo isto dentro das circunstancias", destacou, para evitar que a comunidade "se porta esta nova oportunidade". 

En todo caso, destacou que as cifras de peregrinos indican "a potencia" que ten o Camiño mesmo nas condicións actuais e desvelou que se recolleron case 40.000 credenciais desde a apertura de albergues no mes de xullo, unha vez levantadas as restricións do estado de alarma.

A CATEDRAL. Pola súa banda, o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, insistiu en que o edificio estará "a tempo no que ten que estar concluído", porque aínda estará en obras durante o ano 2021 polo menos nas actuacións na escalinata e outras pendentes de licitación. 

No entanto, estarán terminadas as accións no interior, na Praza da Quintana, Praterías e o claustro, pero asegurou que as obras pendentes "non van afectar en absoluto" nin suporán "un impacto extraordinariamente importante no edificio". "O esencial estará listo", insistiu. 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/galicia/visita-do-papa-galicia-2021-dependera-da-situacion-sanitaria/202009251904221461485.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)