Villares dialogará con Compostela Aberta pero rexeita as "mesas de notables" que restrinxan a participación

A dirección do partido instrumental manterá un encontro "bilateral" con CA para estudar a súa proposta orientada a reconfigurar o espazo político

Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)

O portavoz de En Marea, Luís Villares, mostrouse receptivo a manter "todo" o diálogo co resto de forzas e mareas que conforman o espazo político como plantexa Compostela Aberta. Con todo, advirte que non aceptarán que as "aristocracias" políticas "tutelen" as decisións do proxecto ás costas das "persoas inscritas". 

"Volver a mesas onde as persoas inscritas non saiban de que se está falando e que tutelen procesos que xa son democráticos, non o podemos aceptar", incidiu Villares, que saúda o ofrecemento ao diálogo realizado pola formación que lidera o rexedor compostelán, Martiño Noriega, pero rexeita "mesas de notables que restrinxan a participación, de costas aos inscritos". 

Con motivo da Escola de Verán Unitaria organizada en Pontevedra por En Marea, Luís Villares reivindicou o partido instrumental como un "espazo político plural, aberto e participativo, onde cabe todo o mundo", por contraposición ao que cualificou como "aristocracias políticas que poidan decidir polos demais".

"ENCONTRO BILATERAL". Deste xeito, segundo confirmou o portavoz da coordinadora, Gonzalo Rodríguez, en declaracións aos medios tamén en Pontevedra, a dirección de En Marea manterá un encontro "bilateral" con Compostela Aberta para abordar a súa proposición, orientada a reconfigurar o espazo político. 

A marea compostelá propón adiantar as eleccións ao Consello das Mareas ao mes de setembro —terían que celebrarse en xaneiro— e articular unha "mesa da confluencia" na que están chamados a participar, ademais da dirección da propia En Marea, os partidos que formaron a primeira coalición —EU, Anova e Podemos— e as mareas de Santiago, A Coruña e Ferrol. 

Segundo indicou o pasado venres o alcalde compostelán, Martiño Noriega; a intención de Compostela Aberta é que a "mesa da confluencia" se reúna antes de que remate o mes de xullo. Antes terá lugar ese encontro entre a dirección do partido instrumental e a marea santiaguesa, para a que tampouco hai data fixada aínda.

Comentarios